Xoves 18 de Outubro de 2018

A Xunta cederá ao concello de Vimianzo os montes de Gorreis e Milleira


O xefe territorial de Medio Rural, Manuel Rodríguez, explicoulle ao alcalde cal é o proceso a seguir

A Xunta de Galicia cederá este ano a xestión dos montes de Gorreis e Milleira ao Concello de Vimianzo. Cúmprese así a promesa que fixo o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, ante os veciños durante a última campaña electoral, xa que “a recuperación da xestión destes montes consorciados” é unha grande preocupación no municipio.

O xefe territorial de Medio Rural, Manuel Rodríguez, recibiu esta mañá ao alcalde de Vimianzo para explicarlle o proceso a seguir de cara á cesión dos montes ao Concello, que pasa pola redacción, por parte da Xunta, dun plan de ordenación forestal dos montes.
Este plan definirá os usos de cada superficie e estará rematado no primeiro semestre deste ano. A partir de aí, poderá disolverse o Consorcio que forman actualmente a Xunta de Galicia e o Concello de Vimianzo, e a xestión dos montes pasará a ser competencia do Concello.