Venres 18 de Setembro de 2020

A Xunta investirá máis de 73.000 euros na mellora do vial de servizo do corredor Brión-Noia, ao seu paso por Lousame


A Consellería de Infraestruturas e Vivenda atendeu a solicitude da alcaldesa Teresa Villaverde e pavimentará dous treitos na parroquia de San Xusto de Toxosoutos

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de atender a solicitude realizada pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e confirma que pavimentará dous treitos da vía de servizo do corredor Brión-Noia, na parroquia de San Xusto de Toxosoutos. O departamento autonómico anuncia que as obras se acometerán “en canto a climatoloxía sexa favorable”, xa que “no que vai de ano non se deron as condicións necesarias para executar o tratamento con unhas mínimas garantías de durabilidade”.

Teresa Villaverde celebra que a Xunta atendese as súas demandas xa que “se trata de dous tramos que están en mal estado de conservación nas proximidades de O Madeiro, na parroquia de San Xusto de Toxosoutos, e que se arranxarán e pavimentarán grazas a un investimento de máis de 73.000 euros”. O primeiro treito, entre os puntos quilométricos 20,6 e 21,2, acometerase con cargo ao contrato de conservación do vial, cun orzamento estimado de 31.040 euros.

O segundo treito, entre os puntos quilométricos 24,375 e 24,960, realizarase mediante contrato menor e suporá un investimento de 42.535 euros. A memoria valorada deste proxecto pechouse o venres da semana pasada e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten previsto iniciar a tramitación do contrato menor ao longo desta mesma semana.