Luns 16 de Setembro de 2019

Turismo de Galicia destinará 300.000 euros á promoción das festas de interese turístico de Galicia


O Diario Oficial de Galicia publicará mañá a resolución pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas

O Diario Oficial de Galicia, DOG, publicará mañá a resolución de Turismo de Galicia pola que este departamento da Xunta destinará este ano 300.000 euros a promover as festas de interese turístico autonómico a través dunha liña de axudas á que poderán optar todos os concellos que organicen celebracións deste tipo ao longo do ano 2016.

Estas axudas teñen por obxecto sufragar parcialmente os investimentos directamente vinculados ao apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia, 101 na actualidade, e non poderán ser obxecto de subvención as celebracións, que ademais da declaración de interese turístico autonómico, conten coa declaración de festa de interese nacional ou internacional.

Deste xeito considéranse gastos subvencionables aqueles relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelería, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas e outros. No caso das festas gastronómicas poderán ser obxecto da axuda tamén os gastos de adquisición do produto exaltado na celebración.

Nestas axudas é posible a concorrencia con calquera outra subvención para o mesmo obxecto e finalidade, pero o seu importe non poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, superen o investimento total da festa.

Convenio de colaboración con Abanca
Neste ámbito, Turismo de Galicia asinou un convenio de colaboración coa entidade financeira Abanca para o apoio é promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico na Comunidade galega.

Así, segundo este acordo, Abanca comprométese a contribuír ao desenvolvemento das festas de interese turístico mediante a realización dunha achega económica en concepto de colaboración ás entidades públicas ou privadas promotoras das festas.

De estar interesados en beneficiarse deste convenio, as entidades organizadoras deberán indicalo na súa solicitude e a entidade financeira achegaría para a promoción da festa unha cantidade de 1.500 euros, polo que estarían obrigadas a incorporar na súa publicidade o distintivo corporativo de Abanca nun lugar visible e destacado xunto coa imaxe de Turismo de Galicia.

A liña de axudas de Turismo de Galicia que mañá publicará o DOG, convócase con carácter de concorrencia non competitiva, de xeito que as solicitudes recibidas no prazo establecido serán atendidas respectando a súa orde de incoación, sen que se produza comparación entre elas, e ata o esgotamento do crédito dispoñible.

A presentación das solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta e o prazo de presentación rematará un mes despois do día seguinte á publicación da resolución no DOG.