Sábado 15 de Decembro de 2018

O Centro Superior de Hostalería de Galicia captará novos alumnos a través dun concurso didáctico de xestión hoteleira


A competición está destinada aos estudantes galegos de primeiro e segundo de bacharelato con vocación cara ao sector hostaleiro e restaurador

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto coa directora do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), Marta Fernández, presentou hoxe o concurso Desafío Hotel Management, unha competición destinada aos estudantes galegos de primeiro e segundo de bacharelato con vocación cara ao sector hostaleiro e restaurador.

Durante a rolda de prensa, a responsable de Turismo da Xunta explicou que a través deste desafío hoteleiro os mozos galegos participantes converteranse nos donos dun hotel virtual encargándose da súa xestión nunha competición na que, “ademais de aprender, poderán demostrar os seus dotes emprendedores e de xestión”.

Deste xeito, segundo sinalou Nava Castro, mediante esta nova iniciativa de Turismo de Galicia a prol da formación os participantes poderán experimentar en primeira persoa a aventura de xestionar un hotel virtual, probando as súas habilidades, os seus coñecementos, a súa capacidade de traballar nun equipo e fomentando a súa vocación emprendedora.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia destacou que o Centro Superior de Hostalería de Galicia é distinguido no ámbito da formación turística polo seu marcado carácter práctico e profesional. “A diferenza de moitos outros centros e titulacións que ofrecen graos e diplomas na área turística e de administración empresarial, centradas nun enfoque académico e onde a teoría constitúe o núcleo dos seus ensinos, este Centro ofrece titulacións plenamente orientadas ao exercicio profesional”, explicou.

Neste senso, Nava Castro engadiu que grazas a súa metodoloxía moderna e eficaz, que integra en cada curso ensinos teóricos coa parte práctica, os alumnos do CSHG coñecen e aprenden o funcionamento das empresas hostalerías.

A directora de Turismo de Galicia resaltou que máis de 2.500 antigos alumnos xa traballan no sector en todo o mundo e máis do 85% dos alumnos que acaban cada ano están traballando oito meses despois de rematada a titulación.

Dinámica do concurso
Os estudantes participantes deberán formar grupos de tres ou catro participantes que se converterán no comité de dirección dun hotel.

O xogo contará con dúas fases, a fase clasificatoria, que se realizará integramente a través da rede, introducindo as decisións na plataforma en liña do xogo, e a gran final na que participarán os equipos finalistas e que se realizará de xeito presencial nas instalacións do CSHG.

Todos os equipos iniciarán o xogo cun hotel que se atopa na mesma situación inicial, e ao longo da competición deberán tomar decisións sobre as principais áreas de xestión do hotel, de modo que xogando e decidindo irán coñecendo como funciona e xestiónase un hotel e, sobre todo, irán aprendendo dos resultados que obteñan a partir das súas propias decisións.

Nesta fase clasificatoria terán que simular tres anos de vida dun hotel, unha por cada exercicio económico do hotel, e as súas decisións condicionarán os resultados económicos e a calidade de servizo do hotel.

Tras cada decisión alterarase a situación de cada hotel, modificándose o ránking dos diferentes equipos participantes para, finalmente, ao termo da terceira xogada, determinar os cinco equipos que pasarán á final.

Na fase final, que se realizará, o 14 de maio, nunha xornada de portas abertas nas instalacións deste Centro, cada equipo dispoñerá dunha sala coma se dun consello de dirección se tratase, e enfrontaranse a unha simulación similar á da fase clasificatoria, pero cun nivel maior de dificultade.

O premio para o equipo finalista será un fin de semana no Hotel Hesperia de A Coruña cunha visita ás instalacións a cargo do director do establecemento hoteleiro onde poderán afondar no funcionamento do mesmo.

O prazo de inscrición comeza hoxe e finalizará o próximo venres 8 de abril.

Nova imaxe
Esta iniciativa nace co obxectivo de engadir á habitual campaña de captación de alumnos do CSHG un novo xeito de darse a coñecer entre os futuros alumnos, de unha maneira máis práctica e didáctica.

Outra das novidades do Centro para este ano 2016 é a renovación da súa imaxe corporativa que ademais de incluír un novo logo e un novo espazo web levará consigo o deseño de novos uniformes de prácticas para os alumnos.