Martes 23 de Xaneiro de 2018

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu esta mañá na casa do concello de Cabanas ao acto de clausura do obradoiro de emprego


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu esta mañá na casa do concello de Cabanas ao acto de clausura do obradoiro de emprego no que se formaron durante seis meses un total de vinte alumnos dos concellos de Cabanas, Pontedeume e Monfero.

Grazas ao investimento por parte da Xunta de 178.157 euros, os participantes traballaron nas especialidades de Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e Actividades de limpeza en espazos abertos e instalacións industrias.

No termo municipal de Cabanas, os alumnos traballaron na zona forestal da área recreativa de Veiga en San Martín do Porto, na área de Pedra do Couto-Irís, na área de Punxeiro, e en camiños das parroquias de Irís e Soaserra.

En Pontedeume, traballaron ao longo de diversos camiños e pistas de Ombre e de Campolongo.

Por último, en Monfero as actuacións centráronse en tareas de conservación e mantemento do souto e entorno do mosteiro, e no regato Cal da Cela e un afluente.

Durante o acto de clausura do obradoiro, o delegado territorial salientou o esforzo inversor realizado pola Xunta de Galicia para “fomentar o emprego e potenciar a formación dos alumnos”, xa que, segundo dixo, “estes son os últimos obxectivos dos obradoiros que poñemos en marcha ao longo de todo o territorio”. Ademais, eloxiou a colaboración dos tres concellos que solicitaron conxuntamente esta actividade, e adiantou que “desde a Xunta traballamos para que se poidan seguir realizando estes obradoiros, que ademais de formar á xente serven para realizar importantes mellores nos concellos que resultan beneficiarios”.

Ante a noticia de que un dos participantes non puido asistir a recoller o seu certificado por estar xa traballando nunha empresa da comarca, o delegado territorial asegurou que “só por isto, xa merece a pena ter realizado o obradoiro”. “Investir 180.000 euros neste obradoiro e, sen dúbida, unha boa política”, recalcou.