Martes 22 de Maio de 2018

A Xunta presenta na Coruña as bases do borrador do novo decreto que regula o funcionamento dos CIM


O futuro decreto establecerá como prioritaria a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo Pouso, mantiveron hoxe unha xuntanza coas directoras dos Centros de Información á Muller (CIM) existentes na provincia e cos respectivos responsables municipais para presentarlles as bases do borrador do novo decreto que regula o funcionamento destes centros, co fin de acadar o consenso da aprobación do decreto entre todas as partes involucradas.

López Abella informoulles polo miúdo do proxecto de decreto que establece os requisitos e os procedementos para o recoñecemento, modificación e extinción dos Centros de Información á Muller. Segundo explicou a secretaria xeral, no ano 2004 publicouse no DOG o decreto 182/2004, que regula os centros de información ás mulleres e establece os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento, polo que transcorridos máis de 10 anos de vixencia do dito decreto, precisa revisarse e actualizarse para dar cabida ás demandas e adaptarse á situación actual da sociedade, co obxecto de dar continuidade e mellorar o servizo que prestan os CIM.

Entre outras cousas, o borrador propón establecer como prioritaria a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Ademais, regulase que entre as funcións que poderán desenvolver estos centros inclúense actividades de información e atención ao colectivo LGTBI (Lesbianas, Gais, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais).

Na actualidade, na provincia da Coruña hai 29 CIM que se emprazan nos concellos de A Coruña, A Laracha, Ames, Ares, Arteixo, Arzúa, As Pontes, Boiro, Boqueixón, Carballo, Cee, Coirós, Culleredo, Curtis, Ferrol, Melide, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Mancomunidade de Ordes, Ortigueira, Outes, Padrón, Ribeira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Zas.