Sábado 18 de Agosto de 2018

As vendedoras de peixe, homenaxeadas en Riveira con motivo da Muller Traballadora cun acto que tivo música e poesía


Medio cento de vendedoras de peixe acudiron hoxe á chamada do Concello con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller Traballadora: unha celebración cuxa efeméride corresponde propiamente ao 8 de marzo pero que se quixo oficiar hoxe polos condicionantes laborais propios dun colectivo no que o primeiro día da semana é o de menos actividade comercial.

O acto desenvolveuse no salón de plenos do Consistorio baixo a presidencia do alcalde Manuel Ruiz e coa asistencia de concelleiros e concelleiras pertencentes a distintos grupos da Corporación, ademais da directora do Centro de Información á Muller, Dolores Crujeiras.

As notas ao piano do alumno do Conservatorio Municipal Manuel Muiños serviron para poñerlle música a un evento que tamén contou coa lectura dunha poesía escrita expresamente para a ocasión por Santiago Páramo, pedagogo do Departamento de Servizos Sociais, e declamada por Alicia Padín, responsable do Servizo Municipal de Normalización Linguística.

Manuel Ruiz tivo palabras de encomio para as mulleres e significou especialmente o papel das vendedoras de peixe na sociedade de Riveira como pobo unido indisolublemente ao mar. Ao fío disto, lembrou que están a piques de poñerse en funcionamento o novo mercado e a nova lonxa e subliñou a necesidade de dar un importante salto no distintivo de calidade na comercialización dos nosos produtos do mar.

Cada asistente recibiu un ramo de flores e un diploma conmemorativo da man do alcalde e da concelleira de Igualdade, Esther Patiño. O acto foi inmortalizado ao finalizar o mesmo cunha foto de familia na praza do Concello.