Mércores 15 de Agosto de 2018

Diego Calvo clausura o Obradoiro de Emprego Xallas-Barcala-Dubra e anima aos participantes a seguir formándose para facerse “un oco no mercado laboral”


No acto de entrega de diplomas, o delegado territorial da Xunta estivo acompañado polos alcaldes de A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra

O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Diego Calvo, participou no acto de clausura do obradoiro de emprego Xallas-Barcala-Dubra III, no que participaron un total de 19 mozos de entre 19 e 26 anos.

Ao acto, celebrado na Casa da Cultura de A Baña, tamén asistiron os alcaldes dos municipios que participaron de forma conxunta nesta iniciativa (A Baña, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra) e tamén os membros do equipo docente do obradoiro.

Todos eles coincidiron en salientar a “boa formación” que se ofrece aos mozos neste tipo de actividades, xa que “buscamos especialidades con demanda no mercado laboral para favorecer a inserción de todos os participantes”. Neste caso, impartíronse dúas especialidades: atención sociosanitaria a persoas a domicilio e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría.

Durante a súa intervención, Diego Calvo fixo fincapé no “esforzo económico” que realiza a Xunta de Galicia nestes obradoiros, cunha duración de seis meses, aínda que puntualizou que “os 172.957,29 euros que se destinaron a este obradoiro non suponen un gasto, senón unha inversión de futuro”, xa que “teñen como obxectivo a inserción laboral destes mozos”. Do mesmo xeito, advertiulles a todos os presentes que “rematar este obradoiro non pode verse como un punto e aparte” e animou aos mozos a seguir formándose para, dixo, “facervos canto antes un oco no mercado laboral”.