Mércores 15 de Agosto de 2018

A Consellería do Medio Rural imparte charlas divulgativas e promociona o selo Galega 100% na feira de maquinaria agrícola e de produtos ecolóxicos de Boimorto


Ángeles Vázquez acudiu a Magreco acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para formentar o consumo de leite galego

A Consellería do Medio Rural estivo presente esta fin de semana na Feira de Maquinaria Agrícola e de Produtos Ecolóxicos de Boimorto (Magreco) a través de charlas de formación e coa promoción do selo Galega 100%. A propia conselleira, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, participou nesta actividade, na que se repartiron minibricks de leite entre os asistentes.

A titular do Medio Rural destacou a importancia de consumir os produtos da terra, co obxectivo de impulsar e fomentar o noso sector agroalimentario. Neste senso, sinalou que optar polo selo Galega 100% contribúe a apoiar ao sector lácteo galego, unha razón de peso que cómpre levar a cabo entre todos, sinalou.

Esta acción promocional complementa as actividades levadas a cabo por toda Galicia, onde destacan diversas charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios e visitas a explotacións de vacún de leite.

Con este selo facilítase a identificación do leite e dos produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados en Galicia. O obxectivo é que o consumidor saiba que a materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.

Formación
Por outra banda, a Consellería do Medio Rural tamén se implica no ámbito da divulgación a través de varias conferencias que se levarán a cabo no seo desta feira. Hoxe mesmo o director xeral de Ordenación e Producción Forestal, Tomás Fernández-Couto, ofreceu unha charla sobre as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) e explicou as súas vantaxes e as oportunidades que ofrece a súa posta en marcha.

Pola tarde será a quenda do subdirector xeral de Explotacións Agrarias, Nicasio Mejuto Martí, que baixo o título “Axudas ás explotacións agrarias no Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020” informará aos asistentes das axudas para a modernización de explotacións ou sobre o aumento do valor engadido dos produtos agrarios/forestais.
Respecto ás axudas do Plan Leader 2014-2020, o subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, Javier Blanco Carballal, explicará mañá as novidades do programa para os próximos anos.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, implícase na formación do sector agrícola e forestal e na divulgación dos programas que están á súa disposición para mellorar as explotacións e, en xeral, todo o entorno rural.