Mércores 08 de Xullo de 2020

Proseguen con grande éxito de público as visitas a Navantia-Fene, zona jackets wikinger e hywind


Se o pasado luns xa se cubrían a totalidade das prazas ofertadas para as visitas do domingo, 27 de marzo, a día de hoxe xa está completa a quenda das 12:00 h do domingo 3 de abril e hai 27 prazas dispoñibles para a quenda das 10:00 h. Esta oferta de visitas guiadas a Navantia-Fene, promovida pola dirección de Navantia en colaboración co Concello de Fene, proseguirá todos os domingos até o mes de xullo, data en que os jackets se trasladarán ao seu destino.
Para as vindeiras visitas, cómpre lembrar que se ofrecen 30 prazas por quenda. A primeira quenda ás 10:00 h. e a segunda ás 12:00 h. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e sempre a data límite será as 12:00 h do venres anterior ao domingo para o que solicita a visita.
As inscricións nestas visitas poden facerse por calquera destes dous procedementos:
• Por correo electrónico: enviando a ficha de inscrición, que poden descargar dende a páxina web fenecidan.gal, cuberta en todos os seus extremos, ao seguinte enderezo visitasnavantia@fene.gal. De optar por esta opción, teñen que agardar a recibir o correo de confirmación.
• Presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida de Naturais,44, entresollado dereita) en días laborables, de luns a venres, en horario de 8:00 a 14:30 h.
As visitas a Navantia Fene (zona JacketsWikinger e Hywind) teñen unha hora e media de duración. No momento da visita proporcionaráselle ao público asistente as EPI a empregar (casco, lentes de protección e chaleco reflector). É necesario vestir calzado axeitado, evitando o talón alto e zapato inestable ou esvaradío.
Poden participar os menores de idade, sempre acompañados dun adulto. Dadas as condicións do solo dos talleres, non poden usarse carriños de bebé.
Queda prohibida a utilización do móbil no interior dos talleres e, de maneira expresa, tirar fotografías ou vídeos nestes espazos. Non obstante, si se poden utilizar os móbiles e as cámaras fotográficas no exterior dos talleres.
A entrada ao estaleiro faise pola entrada das Pías e os participantes teñen que vir provistos do seu DNI.

No percorrido polo estaleiro, as persoas participantes nas visitas recibirán ampla información sobre o proceso de construción das estruturas tipo Spar que se destinarán ao mar do Norte como soporte en augas profundas dos muíños de enerxía eólica. O parque Hywind, instalarase na costa de Escocia. Os artefactos de 3.700 toneladas de peso contan con 91 metros de alto e 14,50 metros de diámetro. Asemade, visitarán a zona na que se montan os jackets para o parque Wikinger. Neste caso os jackets colocaranse a setenta e cinco quilómetros da costa de Alemaña.