Mércores 24 de Maio de 2017

O Concello de Frades convoca axudas para transporte e para material escolar


Dirixidas ás familias cos ingresos per cápita máis baixos, o prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de abril

O Concello de Frades convoca as axudas para transporte escolar e para a compra de material escolar para o curso académico 2015-2016, dirixidas ás familias máis necesitadas do municipio que terán ata o vindeiro 29 de abril para presentar as súas correspondentes solicitudes. A subvención para transporte escolar está dirixida a alumnos e alumnas de Bacharelato ou de Formación Profesional (Grado Medio); mentres que as axudas para a compra de material escolar están dirixidas a alumnos e alumnas de Primaria e Secundaria.

En ambos casos, para poder optar a estas axudas é preciso que o estudante estea empadroado no Concello de Frades, que estea cursando os estudos para os que solicita a axuda e que a súa familia estea ao día no pago das obrigas tributarias co Concello. Para presentar as solicitudes, as familias deberán dirixirse aos Servizos Sociais Municipais e achegar a seguinte documentación: copia do DNI do alumno e de todos os membros computables da unidade familiar, resgardo da matrícula do centro no que está a realizar o curso escolar deste ano e xustificante dos ingresos da unidade familiar en 2012 (declaración da renda, nóminas, pensións, certificado de ser demandante de emprego, etc).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 29 de abril e as subvencións unicamente serán concedidas as familias cos ingresos per cápita máis baixos. Para máis información, os solicitantes poden dirixirse aos Servizos Sociais Municipais ou a través do teléfono 981 695 567.