Sábado 18 de Agosto de 2018

A Xunta limpará o río Anllóns ao seu paso por Ponteceso


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, reuniuse co alcalde da localidade, Xosé Lois García Carballido, para explicarlle os traballos previstos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, vén de reunirse estes días co alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, para analizar diferentes cuestións pendentes de mellora no municipio.
Durante o encontro, Calvo confirmou que a Xunta limpará o río Anllóns ao seu paso por Ponteceso co obxecto de paliar, na medida do posible, que se desborde como sucedeu nos últimos dous temporais deste inverno. “Unha empresa contratada pola Xunta retirará todos os troncos que caeron ao río por mor dos temporais”, explicou Diego Calvo, que atendeu tamén a petición do alcalde de traballar na limpeza da zona de O Xuncal. Neste senso, García Carballido lembrou que o pleno do seu concello aprobou por unanimidade unha moción na que se demandaba axuda da Xunta, da Deputación e do Goberno do Estado aos afectados polas últimas inundacións.
Ademais, ambos mandatarios abordaron cuestións como as obras de mellora pendentes no PAC de Ponteceso, ou a solución dos problemas de saída de sólidos na depuradora de Corme. O alcalde, ademais, reclamou a mediación do delegado ante Portos de Galicia para unha serie de reparacións pendentes na avenida da Marina, tamén en Corme.
Plan de Sendas
Durante o encontro, o delegado da Xunta lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda incluíu na primeira fase do Plan de Sendas a denominada Xornes-Buño-Cantalarrana, cunha lonxitude de máis de dous quilómetros, e comprometeuse co alcalde a estudar a posibilidade de proxectar algunha máis no Concello de Ponteceso en vindeiras actuacións. O plan, tal e como anunciou a conselleira Ethel Vázquez nunha recente visita a Cabana de Bergantiños, prevé nesta comarca a execución de 9 quilómetros ao longo de sete sendas peonís: Carballo-Polígono industrial de Bértoa; Laracha-Paiosaco; Carballo-Coristanco; Laracha-O Cancelo; Laxe-Equipamentos-P.Marítimo; Xornes-Buño-Cantalarrana; e Neaño-Cabana. O investimento previsto para as obras é de máis de 4 millóns de euros.