Martes 10 de Decembro de 2019

Inaugurada a exposición ‘A Illa da Memoria’ na Casa da Cultura de Lousame


A alcaldesa, Teresa Villaverde, afirma que a recuperación da memoria ten que servir “para reforzar a democracia e que ningún réxime dictatorial volva encher as nosas vidas de morte e escuridade”

A Casa da Cultura de Lousame alberga ata o vindeiro 22 de abril a exposición ‘A Illa da Memoria’, unha das actividades coas que o Concello quixo lembrar todas as vítimas da imposición da dictadura que rematou coa Segunda República. No acto de inauguración, ante unha trintena de persoas, participaron a alcaldesa, Teresa Villaverde, o concelleiro Julio Paradela, e Xan Hermida, integrante da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH).

A mostra, creada por Antón Caeiro e con carácter itinerante, recolle nunha decena de paneis o pasado da illa de San Simón como campo de concentración durante a Guerra Civil española e na posguerra, de 1936 a 1943. O acto complementouse coa proxección do documental ‘In Memoriam’, que ofrece testemuños dramatizados en primeira persoa de varias vítimas de Lousame e da contorna da represión posterior ao golpe de estado do 18 de xullo de 1936.

Recordar para non repetir
Na inauguración, a alcaldesa de Lousame puxo de manifesto a necesidade de recordar “as persoas que pagaron mesmo coas súas vidas un período tan desgraciado para todos nós”. Teresa Villaverde asegurou que a memoria histórica ten que servir “para que feitos así non se repitan nunca” e nesa liña ve imprescindible “un esforzo de todos por reforzar cada día a democracia e que ningún réxime dictatorial volva encher as nosas vidas de tristura, morte e escuridade”.

O concelleiro Julio Paradela, pola súa parte, agradeceu o labor e sensibilidade da alcaldesa nesta materia. Destacou que Lousame foi durante a guerra e a posguerra “un foco de represión bastante forte, en boa medida pola actividade que desenvolvían os mineiros de San Finx”. Paradela instou a “aprender dos erros do pasado” e propuxo habilitar un espazo en Lousame para lembrar a todos os mortos que houbo.

Neste sentido, Xan Hermida, da CRMH, anunciou que preparan unha homenaxe comarcal a todas as persoas represaliadas. Con toda probabilidade será no Confurco, se ben a data está aínda por concretar. Hermida salientou “a sensibilidade e o interese” amosado pola alcaldesa e explicou que “a recuperación da memoria histórica hai que entendela como unha cuestión de Dereitos Humanos, transversal, e Lousame é un bo exemplo de que este tema pode estar á marxe das pugnas entre partidos e ideoloxías”.

O integrante da CMRH aproveitou a súa intervención para efectuar un repaso dos acontecementos acaecidos en Lousame e na contorna a partir de xullo de 1936. Asegurou que a zona “foi un laboratorio das directrices de violencia e represión do xeneral Mola”, que exemplificou coa “aniquilación física dos traballadores que resistiron a rebelión e que fixeron que esta zona fose unha das últimas en caer”. Neste sentido, relatou o papel dos mineiros de San Finx no Comité de Defensa da República que se creou en Noia para ir defender A Coruña e Santiago. O 21 de xullo as cidades xa estaban en mans dos sublevados e os meineiros volveron a Noia para protexer a vila, que sería bombardeada o día 25 e caería pouco despois, dando paso á represión.