Luns 19 de Novembro de 2018

O Consello da Xunta dá luz verde ao novo Plan de Eficiencia Enerxética e Obras menores dos edificios xudiciais de Galicia


No tocante á eficiencia enerxética, sinala Rueda que o investimento achegarase aos 2,5 millóns de euros para levar a cabo actuacións de mellora da envolvente dos edificios, na instalación de sistemas de climatización eficientes e de mellora da iluminación das oficinas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou
hoxe de que o Consello deu luz verde ao novo Plan de Eficiencia Enerxética e Obras menores dos edificios xudiciais de Galicia, que durará tres anos e contará cun investimento de máis de 3,5 millóns de euros co fin de completar a mellora das condicións dos xulgados galegos.

Segundo engadiu Rueda, concretamente en eficiencia enerxética, o investimento achegarase aos 2,5 millóns de euros para levar a cabo actuacións de mellora da envolvente dos edificios xudiciais, na instalación de sistemas de climatización eficientes e de mellora da iluminación das oficinas. Isto vai permitir reducir o consumo enerxético, e mellorar as condicións laborais dos traballadores e o medio ambiente ao substituír combustibles convencionais pola biomasa.

En canto ás obras menores, o vicepresidente da Xunta indicou que contarán con máis dun millón de euros de investimento e está previsto levar a cabo 185 actuacións, das cales 57 terán lugar de xeito inmediato, neste mesmo ano 2016.

A aposta da Xunta por unha xustiza do século XXI
Rueda enmarcou o plan no seo da aposta firme e decidida da Xunta por dotar os profesionais e os cidadáns dos mellores medios materiais ao seu servizo desde o punto de vista das infraestruturas xudiciais.

O obxectivo é lograr unha administración de Xustiza mellor dotada, moderna e máis eficaz: unha xustiza do século XXI.

Para logralo, Rueda destacou que o Goberno galego puxo en marcha, por unha banda, o Plan Senda de modernización da Xustiza, que conta cun investimento total de 50 millóns de euros e que na súa primeira parte permitiu renovar todos os servidores das sedes xudiciais; ampliar a capacidade do ancho de banda; dotar dunha rede de videoconferencia máis de 60 órganos de Xustiza; e implantar sistemas de gravación de vistas en todas as salas vistas de Galicia, entre outras medidas.

No que atinxe á segunda fase do plan, o vicepresidente da Xunta asegurou que o gran obxectivo é implantar o Expediente Xudicial Electrónico, que permitirá a tramitación completa dos procedementos a través de medios telemáticos.

En paralelo, xunto ao Plan Senda, Rueda tamén sinalou o Plan de Infraestruturas Xudiciais, no que a Xunta leva investido máis de 70 millóns de euros e que a finais deste ano terá rematadas ou en execución todas as grandes obras previstas, xa que en Ferrol completouse a renovación do inmoble dos xulgados; Santiago e Ourense xa contan a día de hoxe cun novo edificio xudicial; na Coruña estarán rematadas este ano as obras para converter a Fábrica de Tabacos en Cidade da Xustiza; en Pontevedra xa están adxudicadas e comezadas as obras; e en Vigo está a piques de convocarse un concurso de ideas para definir o antigo Hospital Xeral como nova Cidade da Xustiza, para a continuación licitar as obras e comezar de inmediato a actuación.