Mércores 26 de Setembro de 2018

A Xunta eliminará as curvas de Fonte Grande, na estrada de acceso a Mugardos, cun investimento de 314.000 euros


A actuación comezará no verán e conta cun prazo de execución de 5 meses

O Diario Oficial de Galicia publica a licitación do contrato de obras para a mellora de trazado na estrada AC-133, que dá acceso ao municipio de Mugardos e que inclúe o tramo coñecido como as curvas de Fonte Grande. Precisamente o obxectivo desta actuación, que suporá un investimento de 314.000 euros, é eliminar esas curvas co fin de mellorar a seguridade viaria no acceso ao núcleo do municipio.
As obras consistirán na construción dunha variante de trazado entre o punto quilométrico 9,6 e o pq. 10,0, e na habilitación de dous cambios de sentido: un no cruce coa estrada DP-3504, que disporá de carril central para facilitar os xiros á esquerda; e outro no cruce coa estrada municipal rúa Peneda. A actuación completarase coa sinalización horizontal e vertical, e coa reposición dos elementos de drenaxe e os servizos que se vexan afectados.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá o tramo onde se realizarán as obras acompañado do alcalde do municipio, Juan Domingo de Deus, que confirmou a disposición do Concello de Mugardos de asumir a instalación da iluminación no treito onde terán lugar os traballos. Ambos coincidiron en destacar a importancia da obra que sae hoxe a licitación, xa que a mellora destes accesos é unha demanda veciñal de hai anos, tanto no que respecta á mellora da seguridade viaria como ao cambio da fisionomía da entrada ao núcleo urbano do municipio.
A previsión da Xunta é que as obras comecen no verán. Contan cun prazo de execución máximo de cinco meses e beneficiarán a preto dos 19.000 habitantes dos concellos de Mugardos e Fene.
Por outra banda, o delegado territorial lembrou que a Xunta executará en Mugardos, cun investimento de 1,2 millóns de euros, dous novos percorridos peonís dentro da primeira fase do Plan de Sendas de Galicia: na AC-130 entre Ares e Mugardos (2,70 quilómetros); e na AC-133 entre Franza e Rilo (1,5 quilómetros). “Está claro, por tanto, o compromiso do goberno autonómico con este municipio, xa que estamos a falar dun investimento de máis de 1,5 millóns de euros en obras de mellora da seguridade viaria”, apuntou Diego Calvo.