Sábado 14 de Decembro de 2019

O PSOE destaca que a Deputación da Coruña triplica a achega ao Concello de Ordes para o Plan de Emprego Local: 52.000 euros


O PSOE de Ordes salienta que a Deputación da Coruña, presidida polo socialista Valentín González Formoso, triplicará as achegas ao Concello de Ordes para o Plan de Emprego Local, que pasa dos 11.400 euros consignados polo anterior Goberno do PP aos 52.000 euros. Uns incrementos aos que haberá que sumar os correspondentes ao Plan de Medio Ambiente, onde o Goberno Provincial socialista prevé cando menos duplicar os recursos que se viñan percibindo ata o de agora.

A Agrupación Socialista de Ordes traballará para que as bases que rexan os procesos selectivos do Plan de Emprego Local favorezan especialmente a colectivos como desempregados maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas en risco de exclusión social, mulleres ou persoas cun grado de discapacidade superior ao 33%.

Grazas ao Plan de Emprego Local promovido polo socialista Valentín González Formoso, os concellos coruñeses van triplicar os recursos cos que contaban para favorecer a creación de emprego. Asemade, o PEL multiplica por seis o esforzo inversor que viña realizando ata o de agora o ente provincial en materia de emprego e incorpora novidades como axudas ao fomento da iniciativa empresarial entre mozos/as emprendedores e incentiva a contratación de persoal no ámbito público e privado (pequenas empresas)