Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta avanza nas obras de reposición do firme en mal estado na estrada AC-234 entre Arzúa e Corredoiras, en Boimorto


O delegado territorial da Xunta, Diego Calvo, visitou a zona acompañado dos responsables municipais dos concellos de Arzúa e Boimorto

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, visitou esta mañá a zona da estrada AC-234 (Arzúa-Corredoiras) onde se están a realizar as obras de reforzo do firme que se atopa en mal estado.

Estivo acompañado polos responsables municipais tanto de Arzúa como de Boimorto, que atenderon as explicacións dos encargados da obra, que contan que rematala antes de verán.

A actuación, que foi adxudicada a finais do ano pasado, conta cun orzamento de 452.120 euros, e consiste na extensión de microaglomerado nos tramos que presenten fisuras (con carácter preventivo para evitar o seu empeoramento) e na reposición do firme nos treitos que presenten unha maior deformación. Completaranse os traballos co repintado da sinalización horizontal e a incorporación da sinalización vertical.