Venres 03 de Xullo de 2020

Feijóo avalía con presidente Mauricio Macri as novas posibilidades económicas que se abren en Arxentina e agarda que as reformas que se están a levar a cabo doten de seguridade e estabilidade ao país


Salienta que Arxentina é un dos doce países aos que máis exportan as empresas galegas “e é tamén a quinta economía de América, con enormes capacidades”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avaliou co presidente Mauricio Macri as novas posibilidades económicas que se abren en Arxentina e agarda que as reformas que se están a levar a cabo doten de seguridade e estabilidade ao país.

O titular da Xunta destacou tras a xuntanza os obxectivos da folla de ruta do presidente arxentino, centrada en modernizar a economía e querer dar seguridade e estabilidade: “Estamos a falar de baixar a inflación do país, controlar o déficit público e de mellorar as infraestruturas e os servizos públicos”, explicou, incidindo en que “Arxentina é una gran país con grandes posibilidades”.

Feijóo quixo destacar tamén a importancia do encontro desde o punto de vista institucional, “xa que o presidente de Arxentina –precisou- non é so o presidente do país, senón que é o presidente dos máis de 170.000 galegos que viven aquí e que forman parte da sociedade arxentina”.

En segundo lugar, e no eido económico, salientou que Arxentina é un dos doce países aos que máis exportan as empresas galegas “e é tamén a quinta economía de América, con enormes capacidades”.

Feijóo agradeceu a acollida do presidente arxentino e expresou a disposición de Galicia para axudar ao país, “na medida das nosas posibilidades”, na súa modernización e para contribuír a dar seguridade á xente que queira investir.

“Para nós é importante que Arxentina conte con Galicia como porta de entrada a España e a Europa”, abundou, facendo fincapé no interese do mandatario arxentino por modernizar o país, por comprometerse coa economía produtiva e por chamar aos investimentos e a seguridade.