Domingo 15 de Decembro de 2019

Carlos Negreira destaca o investimento de 2 millóns de euros en Palavea durante este mandato para a súa remodelación e para equiparalo co resto da cidade


 

O alcalde realizou unha visita á zona con motivo da posta en marcha do novo aparcadoiro que supón 45 novas prazas de estacionamento e que responden a unha vella demanda veciñal
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou o barrio de Palavea con motivo da posta en marcha do novo aparcadoiro da zona, unha infraestrutura que forma parte do proxecto de urbanización do barrio iniciado este mesmo ano: «Queremos poñer en valor as actuacións levadas a cabo ao longo deste último ano referidas ao proxecto de urbanización, e un exemplo claro é este novo aparcadoiro que responde a unha importante necesidade do barrio», asegurou o alcalde.

O aparcadoiro, que se puxo a disposición dos veciños hoxe mesmo, ten unha superficie de 1.700 metros cadrados e unha capacidade de 45 prazas. Os traballos consistiron en pavimentado, pintado de prazas, instalación de xardineiras e axardinamento dun lateral, así como a instalación dunha nova escalinata e a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade.
A actuación forma parte do proxecto de urbanización iniciado este ano que tamén incluíu a realización de beirarrúas perimetrales de protección e a remodelación e ampliación da área infantil, inaugurada o mes pasado e que supuxo duplicar a súa superficie, ata 450 metros cadrados, así como aumentar o número de xogos e a súa capacidade.

«No primeiro trimestre de 2015 iniciaremos un conxunto de novas actuacións que se centrarán, sobre todo, no acondicionamento de novas zonas de axardinamento. O noso obxectivo é que Palavea acceda aos equipamentos e servizos dos demais barrios», informou Carlos Negreira.
«Palavea púxose ao día como merece o barrio», sinalou o alcalde, quen recordou que estes traballos se suman a todos os proxectos da área de rehabilitación integral de Santa Cristina que, entre rehabilitación e urbanización, ascenden no mandato a 1,5 millóns de euros; así como á eliminación do transformador; as obras de mellora do centro cívico municipal ou ao acondicionamento das instalacións deportivas da Fábrica de Armas que, cun investimento de ao redor de 250.000 euros, supuxo dotar o barrio dun espazo para o ocio e o deporte. «Un investimento de case 2 millóns de euros para o conxunto dun barrio, cuxa remodelación queremos culminar entre 2015 e 2016 coa rehabilitación das vivendas,» concluíu.