Martes 23 de Xaneiro de 2018

A Deputación iniciará as obras da rede ciclista metropolitana en canto dispoña dos terreos que deben ceder os concellos


 

Existe un orzamento blindado de 3,7 millóns de euros para iniciar canto antes o proxecto

 

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, ofreceu a conferencia inaugural do foro “Iniciativas de Xestión Ambiental ao Servizo da Sociedade” que organiza o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) na súa sede, no castelo de Santa Cruz de Oleiros. Centrou a súa intervención na presentación do proxecto da rede ciclista metropolitana que ten previsto desenvolver a institución provincial en canto dispoña dos terreos municipais necesarios.

 

“Non estamos suxeitos a unha actuación conxunta, xa que podemos facer as obras por tramos. A medida que teñamos os terreos, iniciaremos as licitacións previas ao inicio das obras”, insistiu o titular provincial.

 

Calvo explicou ao por menor en qué consiste esta iniciativa que permitirá dispor do carril bici máis longo de España ao superar os 70 quilómetros de longo. Chegará dende o concello de Arteixo ata Oleiros, pasando por A Coruña, Culleredo e Cambre. “Estamos ante un proxecto aberto a calquera concello que queira sumarse”, adiantou o presidente da Deputación, que anunciou que xa mostraron o seu interese en participar no carril bici responsables municipais de Sada, Abegondo y A Laracha.

 

Durante a súa intervención, o presidente provincial salientou que xa está blindado o orzamento, que ascende a 3,7 millóns de euros, á espera de poder licitar as obras que darán inicio a esta actuación.

 

“O obxectivo deste carril é combinar os distintos usos: o ocio e o deporte, co transporte rodado”, afirmou Calvo, polo que esta infraestrutura se converterá nun “referente a movilidade branda”, solucionando así moitos dos problemas de circulación da comarca.

 

Sinalización homoxénea

Na práctica, a actuación consistirá en unir todos os carrís e sendas ciclistas existentes nestes cinco concellos para darlle continuidade. Así, a Deputación construirá novos tramos intermedios e adaptará ou sinalarizará as áreas con preferencia para os ciclistas, segundo o tramo. Neste sentido, cabe destacar que o proxecto implicará dispor dunha sinalización homoxénea por toda a comarca, para facilitar a comprensión da información tanto aos ciclistas, como aos condutores e peóns.

 

O proxecto céntrase en dous grandes eixos que irán de Barrañán a Mera no tramo oeste-este, e da Pasaxe á presa de Cecebre no tramo norte-sur.