Mércores 15 de Agosto de 2018

A Xunta destaca a importancia do labor dos membros das Asociacións de Voluntarios de Protección Civil na nosa comunidade


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, inaugurou o II Encontro Provincial de de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña

 

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva gabou a inestimable labor que levan a cabo os membros da Asociación de Voluntarios de Protección Civil no eido das emerxencias na nosa comunidade.

Santiago Villanueva asistiu ao II Encontro Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da Coruña, que tivo lugar no Albergue Xuvenil de Gandarío, en Bergondo.

O director xeral resaltou o importante labor que realiza o persoal das agrupacións de Protección Civil en todo tipo de tarefas, xa sexan de emerxencia, humanitarias ou de apoio a institucións e cidadáns, salientando que estas agrupacións constitúen un referente na nosa sociedade, e o seu traballo merece un continuo recoñecemento por parte dos cidadáns, como así foi demostrado o pasado mes de xuño no que o servizo de Protección Civil foi galardoado nos VII Premios Solidarios Once Galicia.

A este respecto, o director xeral de Emerxencias referiuse ao importante papel desempeñado a raíz do accidente do tren en Santiago ou mesmo nos incendios forestais. Nestes casos os voluntarios demostraron a súa valía, a súa dispoñibilidade e a súa determinación, subliñou Villanueva.

Segundo destacou Santiago Villanueva, tamén é de especial importancia a formación continua dos membros de Protección Civil de Galicia o que redunda de maneira positiva para a cidadanía galega, xa que son un dos primeiros chanzos que se atopan os cidadáns cando ocorre unha emerxencia. Villanueva gabou o sentido do deber e de sacrificio destes voluntarios.