Venres 23 de Agosto de 2019

Mato traslada ao concello da Coruña a vontade de colaboración da Xunta en materia de saneamento e xestión de residuos


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, para estudar vías de colaboración entre a administración local e a autonómica

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou hoxe ao alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a colaboración do Goberno galego no referente a dous asuntos “primordiais”: o saneamento e a xestión de residuos. Ambos mantiveron unha xuntanza de traballo hoxe na Coruña para avanzar en temas de interese para a cidade herculina.

Ao remate da reunión, Mato resaltou a relevancia de seguir avanzando no saneamento das augas, en tanto que é un factor fundamental para o medio ambiente e incide, ao mesmo tempo, na calidade de vida e saúde dos cidadáns. Nese sentido, trasladoulle que Augas de Galicia estudará con detalle a proposta presentada hoxe polo Concello da Coruña para mellorar o estado do Río Pastoriza, co fin de avaliar as posibilidades de colaboración de Augas de Galicia.

A Xunta de Galicia ten dado mostras do compromiso co saneamento da Ría do Burgo, onde o departamento autonómico ten investido 100 millóns de euros nos últimos 15 anos, un esforzo que incidiu directamente na mellora do estado da ría. E, ademais, ten elaborado un Plan de saneamento local no que se identificaron as actuacións prioritarias.

Dentro destas, destacou dúas de carácter “relevante” e que se van iniciar este mesmo ano: o tanque de tormentas de Santa Cruz, xa licitado, e o bombeo do Temple, que se licitará neste exercicio. Ambas actuacións contarán cun orzamento global que supera os 6 millóns de euros.

Xestión de residuos
Na xuntanza, a conselleira e o alcalde fixeron fincapé na xestión de residuos. Ambos coincidiron na necesidade de que o selado do vertedoiro de Nostián sexa pronto unha realidade. “É unha situación prexudicial para o medio ambiente”, considerou a titular autonómica, quen como autoridade ambiental esixirá a empresa concesionaria o selado do vertedoiro dentro dos prazos legais fixados na resolución da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

En calquera caso, volveu a brindar a colaboración da Xunta para conseguir o “mellor funcionamento posible” do complexo de Nostián, propiedade do concello, para acadar o cumprimento dos obxectivos incluídos no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia. Mato Otero tamén trasladou a colaboración técnica da Consellería para mellorar a planta coruñesa nos próximos años. Neste senso, o Plan de xestión de residuos urbanos contempla a necesidade de melloras neste planta para optimizar a súa xestión .

Recordou que o Goberno galego está facendo esforzos para incrementar a capacidade de tratamento de Sogama, un sistema de xestión de residuos oportuno e axeitado que empregan case o 98% dos concellos galegos, que pasará de xestionar 550 toneladas ao ano a xestionar unhas 770 toneladas.

Ambos representantes coincidiron na necesidade de impulsar actividades e accións que conciencien e sensibilicen á cidadanía na separación dos residuos, co fin de tratalos de xeito correcto; polo que encontrarán un aliado no Goberno galego para a posta en marcha de iniciativas que avancen por dito camiño.