Martes 02 de Marzo de 2021

Cultura e Educación participa no VIII Congreso de Psicoloxía Xurídica e Forense, que reúne en santiago a expertos internacionais na materia


O director xeral de Educación, FP e Innovación da Xunta, Manuel Corredoira, salientou que Galicia é a primeira comunidade que conta cun protocolo sobre o acoso escolar que tamén incorpora o ciberacoso

 

O director xeral de Educación, FP e Innovación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Corredoira, participou no VIII Congreso de Psicoloxía Xurídica e Forense, que desde o pasado xoves reúne en Santiago a profesionais na materia.

 

Manuel Corredoira participou na mesa de expertos sobre ‘O bo trato aos menores, unha responsabilidade multidisciplinar’, coordenada polo Valedor do Pobo, Julio Fernández. Na súa intervención, o director xeral de Educación deu conta do Protocolo xeral de prevención, detección e tratamento do acoso escolar elaborado pola Xunta e que converte a Galicia na primeira comunidade que recolle nun mesmo documento o tratamento do acoso e do ciberacoso. Segundo dixo Corredoira, dito protocolo é unha ferramenta fundamental para a protección do alumnado fronte a este tipo de situacións, ao tempo que serve de guía ao profesorado nestes casos. Ademais, a Consellería de Educación está a traballar no Decreto que desenvolverá a Lei 4/2011, de convivencia e participación da comunidade educativa; así como de outros recursos para o asesoramento na elaboración de plans de convivencia para cada un dos centros de ensino.

 

Xunto co director xeral de Educación, na mesa redonda desta mañá participaron tamén a directora da Oficina da Representante Especial do Secretariado Xeral de Nacións Unidas sobre a violencia contra nenas e nenos, Elda Moreno; o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro; o coordenador xeral da Federación de Asociacións para a Prevención do Maltrato Infantil, Tomás Aller; e a presidenta da Asociación Maltrato Infantil NO-Galicia, Diana Rodríguez.