Sábado 31 de Outubro de 2020

O Punto Limpo de Frades abrirá de maneira experimental dous días por semana


O pleno municipal aproba por unanimidade o regulamento de funcionamento, que tamén dará servizo ao municipio de Mesía

O Punto Limpo do Concello de Frades abrirá durante un período experimental dun ano dous días por semana. En concreto, será os mércores de 15 a 19 horas e os sábados de 12 a 16 horas. Así se recolle no regulamento de funcionamento para o novo servizo, aprobado esta tarde polo pleno municipal de Frades.

As novas instalacións emprázanse na parroquia de Céltigos (Frades) e darán servizo de maneira conxunta tanto ao municipio de Frades como ao veciño de Mesía. A aprobación do regulamento é un paso máis para a súa apertura, pendente agora de que os dous Concellos asinen o convenio sobre a xestión e de que se adxudique a unha empresa por ese prazo provisional dun ano.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “decidimos ver que acollida ten o Punto Limpo e ver como funciona nese ano inicial, para así ver se posteriormente hai que introducir algún cambio e adaptarse mellor ás necesidades dos usuarios”. Neste sentido, Rey detallou que se optou por un horario de tarde entre semana e de sábado porque se considera que facilitará que acudan as persoas que utilicen o Punto Limpo.

O regulamento aprobado tamén estipula que tipo de residuos se poderán levar ao Punto Limpo. En liñas xerais, son os residuos sólidos urbanos ou domésticos que requiran dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade, tales como disolventes, aceites minerais, aceites vexetais, pilas, fluorescentes, baterías, residuos perigosos, entullos, vidro, aerosois, radiografías, restos de poda, roupa, cartón e papel, envases e residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.

Os usuarios do novo servizo terán que ser particulares empadroados en calquera dos dous municipios e determinados establecementos ubicados en Frades ou Mesía, aínda que a persoa titular sexa de fóra. A norma fixa uns topes máximos anuais que cada vivenda pode depositar de determinados tipos de lixo. Non se admitirán en ningún caso como usuarias empresas que xeren residuos e que xa están obrigadas a procesalos mediante outro tipo de sistemas.

Protección Civil
A corporación tamén aprobou, cos votos a favor do goberno e abstención da oposición, o convenio de colaboración entre os Concellos de Frades e de Ordes para que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ordes poida dar asistencia en determinados eventos multitudinarios no concello de Frades, como a Romaría das Virtudes, a Festa da Merenda ou a Cabalgata dos Reis Magos. O alcalde explicou que o Concello de Frades farase cargo principalmente dos gastos de manutención ocasionados para ofrecer esta cobertura e promoverá a participación de máis veciños de Frades como voluntarios na agrupación, que o Concello de Ordes está potenciando de novo tras uns anos de escasa actividade. O acordo permitirá que os Concellos poidan acceder a diferentes convocatorias autonómicas para a dotación de material de Protección Civil, como vehículos, maquinaria de prevención e intervención en situacións de risco e emerxencia, ou vestiario.

Plan orzamentario
Por último, a sesión validou, co voto positivo da oposición e a abstención da oposición, o plan orzamentario a medio prazo 2017-2019 que o Concello debe presentar ante o Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas. O portavoz do goberno e tesoureiro municipal, Manuel Ferreiro, anticipou que a previsión é acadar un crecemento anual do 2 % nos orzamentos. “A nosa intención é manter a estabilidade financeira máis cumprir as regras de gasto todo o posible”, expuxo Ferreiro, que tamén destacou que non hai ningunha previsión técnica que faga pensar en cambios moi significativos nas finanzas municipais nos vindeiros anos.