Martes 19 de Xuño de 2018

Teatro, música e mostras bibliográficas para conmemorar a Manuel María Fernández Teixeiro no Día das Letras Galegas


O Concello presenta un programa variado de eventos para todos os públicos, co fin de dar a coñecer o labor do poeta e académico homenaxeado

O Concello de Ordes conmemorará o Día das Letras Galegas cunha serie de actos variados nos que estará moi presente a figura do homenaxeado deste ano, o poeta Manuel María Fernández Teixeiro.

A primeira das citas terá lugar a partir do vindeiro luns, 16 de maio, na biblioteca municipal. Alí abrirase ao público unha mostra con paneis informativos e cos fondos bibliográficos existentes no centro. Tamén na biblioteca, pero xa de cara ao venres, 20 de maio, os nenos e nenas terán unha nova cita coas Tardes de contos e lendas a partir das 18.30 horas. ‘O gaiteiro cabezudo’ é un programa musical dirixido a toda a familia, levado a cabo polo grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes.

O teatro resérvase para a tarde do sábado, 21 de maio. ‘Pavillón Lino’ é o título da comedia familiar, da compañía Caramuxo Teatro, que se representará de balde no auditorio da casa da cultura a partir das 19 horas.

Para a posta en marcha deste programa o Concello de Ordes conta coa colaboración e o financiamento da Xunta de Galicia, dentro do seu programa Ler conta moito. Tamén coa Deputación da Coruña, a través do programa DAC_EstadíasColón.