Mércores 08 de Xullo de 2020

Preto de 300 alumnos e alumnas do CEIP Castelao participan no programa ‘Un can, un amigo’


Trátase da primeira sesión nun centro ordense deste plan informativo e de concienciación que se desenvolverá polos distintos colexios da comarca

Arredor de 300 alumnos e alumnas dos cursos que van de primeiro a sexto de primaria do CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, no municipio de Ordes, participaron esta mañá do programa educativo ‘Un can, un amigo’. Trátase do primeiro centro público ordense no que se leva a cabo este innovador plan, que se estenderá polos demais colexios da comarca. Como principal obxectivo figura o fomento de valores solidarios e de responsabilidade para evitar o abandono e o maltrato animal. Trátase dunha iniciativa realizada conxuntamente coa Asociación Amigos da Canceira de Ordes Segunda Oportunidade e coa Casa Grande de Xanceda.
Cada un dos e das participantes recibiron o seu diploma acreditativo como asistente a esta xornada. A través de material audiovisual e do testemuño das monitoras encargadas da sesión informóuselles de aspectos tan relevantes como o abandono de 42.000 cans e gatos ao longo do pasado ano. Xa de cara a mañá moitos destes nenos e nenas farán unha visita guiada á canceira de Ordes, onde comprobarán como funciona este centro de acollida dende o primeiro día que chega un exemplar ata o día que é entregado en adopción no caso de non aparecer o seu dono ou dona.
Novas xeracións
‘Un can, un amigo’ traballa tamén outros aspectos entre as novas xeracións, como por exemplo as causas do abandono de animais, as funcións das canceiras, a adopción como vía máis responsable á hora de conseguir unha mascota, o benestar animal, o labor do voluntariado, a realidade do abandono animal ou os coidados que precisan as mascotas e a responsabilidade que hai que ter en conta antes de adoptar unha mascota. Neste apartado cobra especial relevancia tamén a responsabilidade social que implica ter unha mascota, con obrigas tan importantes como a identificación mediante chip, a limpeza das rúas e espazos públicos ou o recoñecemento de animais abandonados ou de casos de maltrato.
Ademais do Concello de Ordes nesta iniciativa tamén participan os restantes concellos da comarca (Frades, Oroso, Mesía, Tordoia, Cerceda e Trazo).