Venres 14 de Agosto de 2020

“A mellor homenaxe a Cela no centenario do seu nacemento é descubrir e revisitar a súa obra”, afirma Anxo Lorenzo


O secretario xeral de Cultura participou esta mañá na entrega de premios do V Concurso de Microrrelatos da Fundación Pública Camilo José Cela

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, amosouse convencido de que a mellor homenaxe que se lle pode render a Camilo José Cela para conmemorar o seu centenario é “descubrir e revisitar a súa obra”.

Así o afirmou esta mañá, na capital de Galicia, no acto de entrega de premios do V Concurso de Microrrelatos da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, durante o que expresou o seu desexo de que “esta data de singular significación –en alusión aos cen anos que se cumpren do nacemento do premio Nobel galego– sirva para afondar no seu prolífico legado literario; para gozar desta figura impar da literatura universal”.

O secretario xeral acompañou no acto de entrega os gañadores e gañadoras do certame, unha inciativa promovida pola Fundación Pública Galega Camilo José Cela que ten como obxectivos fomentar a creación literaria e recordar, no ano no que se celebra o centenario do escritor de Iria Flavia, o seu libro de memorias infantís ‘A rosa’. O certame está patrocinado por El Corte Inglés, representado no acto polo seu director de Comunicación e Relacións Externas, Pati Blanco.

As obras premiadas na quinta edición
Na categoría de adultos (maiores de 18 anos) foron galardoadas co primeiro, segundo e terceiro premios, respectivamente, as obras ‘La culpa la tiene el mar, de Begoña Recondo; ‘Las bondades de llamarse Pedro’, de María López Llanos; e ‘Nature’, de Setefilla González. Na catería xuvenil (de 13 a 17 anos), o xurado premiou os traballos ‘La envidia llama al fuego’, de Raquel Aller (primeiro premio); ‘Aspira, expira’, de Pablo Villar (segundo premio); e ‘La mansión sin salida’, de Alejandro Llach (terceiro premio). ‘Mi dolor’, de Violeta Alonso; ‘La llamada’, de Sofía Giráldez; e ‘Un día diferente’, de Elena Portela, mereceron o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, da categoría infantil.

Xunto coas obras seleccionadas polo xurado do certame, tamén foron galardoados os traballos ‘Un nombre, una vida’, de Pablo Alonso; ‘Ganar ciento y una batallas para perder una guerra’, de Laura Rodríguez; e ‘El legado’, de Pablo Bao, que recibiron a mención especial do público nas categorías de adultos, xuvenil e infantil, respectivamente, a través dos votos recibidos na web.

O centenario dun Nobel
O V Concurso de Microrrelatos da Fundación Pública Camilo José Cela forma parte da programación especial promovida ao longo de todo o ano para recordar e homenaxear o escritor no centenario do seu nacemento e entre a que destaca a exposición CJC 2016. O centenario dun Nobel. A mostra abrirá as súas portas o vindeiro 4 de xullo na Biblioteca Nacional de España, onde permanecerá ata o 25 de setembro. A continuación poderá visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, desde o 18 de novembro ata o 19 de febreiro de 2017.

Máis información sobre as actividades do centenario de Camilo José Cela na páxina web de Cultura, en http://www.cultura.gal/gl/destaque-patrimonio/20152, e mais na páxina web da fundación, en https://fundacioncela.wordpress.com/