Luns 23 de Abril de 2018

A Consellería do Medio Rural traballa na mellora de varios camiños municipais do concello de Cabanas en mal estado debido ás inclemencias do tempo


Trátase de obras de emerxencias necesarias para mellorar o tránsito do municipio porque nalgúns casos o deterioro dos viarios é tal que están pechados á circulación

A Consellería do Medio Rural traballa nun proxecto de renovación de varios camiños municipais do concello de Cabanas que se atopan moi deteriorados debido ás condicións meteorolóxicas dos últimos meses. A conselleira Ángeles Vázquez vén de reunirse co alcalde do municipio, Germán Castrillón Permuy, precisamente para valorar o plan de actuación destas obras de emerxencia, necesarias para mellorar o tránsito dos veciños. O mal estado é tal que se dificulta, e nalgúns casos se impide por completo, o acceso aos mesmos.

En concreto, os viarios sobre os que está previsto intervir son o camiño da Costa, que proporciona a comunicación entre As Modias e o Concello de Cabanas e a praia de Almieiras; o camiño de Chamoso, próximo ao anterior e con comunicación directa entre os núcleos de Cabanas e Fene; o camiño nas Modias, que se trata dun tramo concreto do anterior, e no viario de servizo de Fontenova, que está construído en grava e ten unha forte pendente, polo que as fortes chuvias arrastraron o material e provocaron un deterioro importante da estrada.

A Consellería asumirá estas melloras cun proxecto no que está previsto tanto a limpeza de cunetas e salvacunetas, o arranxo de fochancas e a pavimentación dos viarios nos casos nos que sexa preciso. O custo inicial previsto estaría preto dos 52.000 euros, que se sumarían aos 988.640 que leva investidos a Consellería do Medio Rural neste municipio nos últimos anos. Entre eles, máis de 94.600 euros foron encamiñados á mellora de camiños municipais co fin de de dinamizar contornas rurais do concello.