Venres 23 de Agosto de 2019

Nova entrega do Chanfaina Lab


Retrato de Brío ao ritmo de Bach

A realizadora valdeorresa Ana Domínguez achéganos nunha nova entrega visual do Chanfaina Lab algo ben delicado. Unha sorte esencia que se degusta coa mirada e, como ocorre cos mellores perfumes, presentada nun frasco pequeno. O piano do canadiano Glenn Gould interpretando as Variacións de Goldberg compostas por Bach son, xunto cunha fotografía e unha montaxe esquisitas, o sustento da narración visual da curta “Brío”, protagonizada polas nenas e o neno da agrupación de rítmica desta asociación.

Ana Domínguez formouse como artista plástica na prestixiosa Escola Massana de Barcelona e na Universidade de Göttingen (Alemaña). A súa traxectoria artística desenvolverase entre Galicia, Barcelona e Alemania, realizando exposicións de pintura, deseños de decorados e vestiario para cinema e teatro ou formando parte do grupo multidisciplinar e intercultural “Projecto Ninguém”, onde realiza performances pictóricas por Galicia. Nos últimos seis anos a actividade da cineasta está a cabalo entre a dirección e coordinación –xunto con Ángel Rueda,- do prestixioso festival de vangarda (S8) Mostra de Cinema Periférico e a realización de filmes de videocreación, entre os que ultima a súa primeira longametraxe documental “Os fillos da vide”.

A inspiración principal da súa peza para Chanfaina´Lab, foi o grupo de baile moderno e rítmico Club Brío de San Sadurniño: “Pareceume moi sorprendente que nun entorno rural pequeno, houbese esta sensibilidade para ofertar aos máis cativos e cativas un espazo de creatividade. Quixen plasmar esa sensibilidade creativa das nenas e nenos dun entorno rural, centrándome nun enfoque puramente plástico do movemento, creando unha danza cos movementos dos corpos infantís e ca natureza retratada dende a ventá dun tren en marcha, o FEVEque cubre a ruta Ferrol–San Sadurniño. Tamén tiven en consideración obras de referencia que me gustan moito como Meditation on Violence,(Maya Daren,1948) ou Ballet mecanique (Fernand Leger, 1924)”.

Así pois, tal e como se describe en Fálame de San Sadurniño, Domínguez pretende rexistrar a través da cámara fixa a plasticidade do movemento e proponnos que gocemos co movemento dos corpos e o movemento do tren. A directora xoga co ritmo visual e sonoro que envolve a peza reflectindo os corpos, pero tamén o baile das vías do tren e o baile da paisaxe a través da ventá “que nos conduce á ensoñación que producen os movementos rítmicos das nenas e nenos”. En definitiva, unha invitación á relaxación, ao goce sensorial e a degustar a calidade e o ritmo visual da pequena grande arte que hai en San Sadurniño.