Venres 16 de Abril de 2021

Feijóo salienta que a implantación das vías rápidas está a permitir que os pacientes oncolóxicos graves sexan atendidos nun tempo medio de espera de 15 días


Tal e como xa avanzou hoxe no Consello, subliña que a Xunta destinará 25 millóns de euros do superávit de responsabilidade para a Sanidade: para incrementar a actividade asistencial; para seguir poñendo en funcionamento novas infraestruturas e para rematar as obras de ampliación que se están a acometer en distintos hospitais públicos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a implantación das vías rápidas está a permitir que os pacientes oncolóxicos graves sexan atendidos nun tempo medio de espera de 15 días. Un sistema que, segundo lembrou, o pasado ano beneficiou a un total de 12.000 persoas que, ademais, foron atendidas nun prazo medio de 7,2 días.

Durante o acto de entrega do V Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal-Fundación La Rosaleda, Feijóo salientou o esforzo do Goberno galego para poder dispoñer hoxe dun sistema de saúde máis ambicioso no fondo e na forma. É dicir, con mellores infraestruturas cunha maior dotación de medios tecnolóxicos; e cun funcionamento máis eficiente e áxil.

Así mesmo, subliñou que a xestión responsable das contas públicas permitirá, tal e como se avanzou hoxe no Consello da Xunta, dispoñer de 25 millóns de euros do superávit de responsabilidade para a Sanidade: para incrementar a actividade asistencial; para seguir poñendo en funcionamento novas infraestruturas e para rematar as obras de ampliación que se están a acometer en distintos hospitais públicos.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén á importancia de seguir fomentando a investigación científica. E lembrou que o Servizo Galego de Saúde está a desenvolver actualmente 137 ensaios clínicos abertos á participación de pacientes oncolóxicos.

Nesta mesma liña, asegurou que o Campus de Excelencia Internacional, o Campus Vida, está a punto de poñer en funcionamento o seu novo Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA); “unha das nosas apostas pola I+D+i ligada ao ámbito da saúde”, aseverou, ao que engadiu a necesidade de seguir apoiando con máis recursos o traballo profesional dos investigadores galegos.

No tocante ao premiado, o profesor Guido Kroemer, Feijóo destacou e agradeceu os seus anos de traballo e as súas achegas científicas no ámbito da inmunoloxía e a bioloxía molecular. “Entregar hoxe este premio a quen, desde o seu labor científico, fai posible que a prevención, o diagnóstico e o tratamento do cancro teña cada día maiores certezas”, dixo, incidindo en que todos os galardoados con este premio poderían falar de como a investigación científica está abrindo camiños ata fai pouco intransitables no ámbito da oncoloxía; “de como unha enfermidade que traía consigo o apelido derrota e resignación pode ser afrontada hoxe en día desde o optimismo e a esperanza”, concluíu.