Mércores 18 de Outubro de 2017

“Ponte no meu lugar” ensínalle á rapazada a empatizar coas persoas maiores e con mobilidade reducida


Saber que se sente ao ter que superar obstáculos da vida diaria nunha cadeira de rodas, sen poder ver, podendo mover as pernas só un pouquiño… Esa é a maneira de entender ata que punto o mundo que nos rodea está pensado para as persoas con algunha discapacidade ou con limitacións sensoriais e de mobilidade por causa da idade. Falamos do obradoiro “Ponte no meu lugar”, organizado polo Concello en colaboración con ASPANAEPS, no que participaron este venres alumnos e alumnas do CPI de San Sadurniño. Ademais deles e delas, na actividade tamén se integraron persoas maiores que acoden ao Centro de Día, coas que o alumnado comparteu experiencias e mesmo xogos cooperativos.

Na primeira metade da mañá a rapazada viviu por si que significa iso da accesibilidade nos espazos públicos percorrendo en cadeira de rodas o contorno da antiga praza do Concello e poñendo a proba edificios como a Casa da Cultura e a Casa da Mocidade. O desafío incluiu, ademais, ter que orientarse cos ollos tapados, meténdose deste xeito na pel dunha persoa cega.

A segunda parte do obradoiro contou coa participación de varias persoas usuarias do Centro de Día de San Sadurniño, que lle fixo ver á mocidade ata que punto a idade vai en contra da mobilidade e, principalmente, de que maneira se pode facilitar a vida das persoas maiores cando o seu contorno está adaptado a unhas necesidades que tamén terá a xente nova no futuro. E é que a finalidade da iniciativa é fomentar a empatía -o título do programa significa literalmente iso- de cara a que a rapazada de hoxe se convirta en xente adulta máis concienciada e tamén máis reivindicativa neste sentido. “Falámoslles dunha serie de principios e entre eles sobre a normalización da accesibilidade para que vexan que todos somos iguais e todos necesitamos os mesmos recursos”, explica Xabier Picos, educador social de ASPANAEPS.

Picos lembra que Europa ten, xunto co Xapón, “a poboación máis envellecida do mundo” e de aí que vexa como algo “imprescindible” o traballo interxeracional no que a xente nova “se poña na pel” das persoas maiores. Así, “Ponte no meu lugar” propuxo varias actividades conducidas por persoal de ASPANAEPS coa colaboración de varios usuarios e usuarias do Centro de Día. A través de xogos nos que a idade é o de menos “os maiores serven de modelo para que eles (os rapaces e rapazas) asuman que tamén van necesitar ao longo da súa vida de accesibilidade e habitabilidade dos espazos”, comenta Picos.