Mércores 12 de Decembro de 2018

Francisco Castro, escritor: “a muller é unha laranxa enteira, non a media laranxa de ninguén”


Tarde literaria e en feminino en San Sadurniño coa presenza do escritor vigués Francisco Castro, quen pasou este mércores pola Casa da Xuventude convidado polo departamento de Igualdade para presentar a súa obra máis recente, “Amor é unha palabra coma outra calquera” (Ed. Galaxia, 2016). Un libro dirixido a un público adulto que xa vai pola súa terceira edición en tan só tres meses e que está colleitando un grande éxito entre nós, as mulleres. Quizais porque, malia ser unha novela de intriga, ten moito de guía sobre a necesidade de “deixar atrás a mochila do amor romántico”. Para asumir, en definitiva, que somos “unha laranxa enteira, non a media laranxa de ninguén”, tal e como reivindica o autor.

O oficio de Francisco Castro é a palabra. A escrita e maila oral. Do primeiro dan conta os 18 libros que leva publicados. O último: “Amor é unha palabra coma outra calquera”. Unha novela vestida de intriga pero que, en esencia, é unha chamada á revolución contra do “amor romántico” inxectado na sociedade durante séculos polo machismo patriarcal e alimentado pola invasión do que o autor denomina “concepto Disney”, esa cultura que bombardea a infancia e a mocidade cun estereotipo cultural onde as nenas son princesiñas na procura constante dun príncipe marabilloso.

Pero nin o mundo é un conto de fadas nin o amor un camiño de rosas nunha paisaxe tamén rosa e con cheiro a amorodos. Hai mozas/mulleres que se dan conta diso por si e hai quen descobre polas bravas e de forma traumática ata que punto depende dese príncipe que, ao cabo, non era tan marabilloso. “Amor é unha palabra coma outra calquera” fala dese proceso e, sobre todo, da necesidade de rachar coa sumisión e a dependencia seguindo unha orde lóxica que se define nunha secuencia de tres palabras ben acaídas do noso dicionario: arrepoñerse primeiro, a continuación desaporse e, finalmente, repoñerse renacendo e recuperando a existencia libre de vincallos de dependencia que nada teñen que ver cos afectivos.

O libro está escrito “coas gafas que todo o mundo debería poñer, as gafas lilas” por un autor que se define como “un home feminista” e que presenta a súa obra fuxindo á mantenta dos actos de presentación convencionais. É aí onde se descobre esoutra capacidade súa, a de enganchar coa palabra falada. Diante dun público maiormente feminino, Castro avanzou a esencia da súa última e exitosa obra -vai por tres edicións en tres meses, algo certamente difícil para o libro galego- coa que pretende “desmitificar o amor entendido como unha entrega incondicional”. A novela “fala abertamente de sentimentos” e ocúpase “de todos eses preconceptos que recibimos desde nenos e nenas para montarnos unha película sobre que debe ser a relación de parella, que é unha falsedade”. Un xeito de entender a relación que, segundo Castro “provoca infelicidade. Cando tes unha expectativa tan alta, se logo non se cumpre cáese na frustración, unha frustración estrema no caso da muller”.

O escritor vigués alerta neste sentido de que a dependencia da muller con respecto do home, lonxe de mellorar, está empeorando manifestándose cada vez a idades máis temperás. “O machismo segue sendo o rei ideolóxico. É preocupante que se dean casos de violencia de xénero entre a rapazada cada vez máis nova. É moi preocupante que haxa nenas que asuman como natural que deban ser controladas a través dos móbiles e que iso é unha mostra de amor. A revolución feminista está en marcha pero aínda queda moito por facer”.

Porén, á marxe do contido de “Amor…”, o autor tamén explicou nun animado coloquio o proceso de creación literaria que, no seu caso, atende a unha observación constante da vida diaria. No autobús, camiñando pola rúa, sentado na casa… en calquera lugar pode aparecer o xermolo dunha historia ou unha historia enteira en si mesma.

Castro anda sempre cunha libreta no peto na que anota calquera cousa. Desas notas saen arranques de novas obras ou episodios reais que lle permiten superar as encrucilladas creativas que se lle presentan en libros que xa ten en marcha. “Ver a televisión comigo é imposible, estou erguéndome continuamente para apuntar detalles”, asegura o autor ao tempo que engade que “a documentación (para a escrita) é a propia vida”.