Martes 26 de Marzo de 2019

Cecilia Vázquez lembra na xuntanza de Cruz Vermella da Coruña que segue aberto o prazo de solicitude das subvencións para entidades inscritas no rexistro de acción voluntaria de Galicia


Estas axudas contan cun orzamento superior aos 145.000 euros e permitirán subvencionar programas e actuacións nas áreas de sensibilización, formación e coordinación

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou en Ordes na xuntanza provincial da Cruz Vermella da Coruña. No acto, Cecilia Vázquez recordou que está aberto o prazo para que as asociacións participen na nova orde de subvencións dirixidas a entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para o fomento e realización de actividades de voluntariado durante 2016.
Estas axudas, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, contan cun orzamento de 145.245 euros e permitirán subvencionar programas e actuacións nas áreas de sensibilización, que inclúe xornadas, campañas e estudos; e de formación e coordinación para fomentar o traballo en rede das entidades. Esta nova orde, xunto coa do Servizo de Voluntariado Xuvenil, supoñen un investimento de máis de 500.000 euros no soporte das actividades das entidades de acción voluntaria, un 5% máis que en 2015.
Os conceptos subvencionables dos proxectos de voluntariado que se acollan a esta orde serán os gastos correntes das actividades dos proxectos, a contratación de persoal técnico, a adquisición de material funxible, os servizos de comunicacións e os seguros de responsabilidade civil e de accidentes das persoas voluntarias.
A contía máxima de axuda por proxecto será de 4.000 euros e non poderán exceder do 75% do orzamento total. Co fin de que a falta de financiamento non sexa impedimento para levar a cabo os proxectos, a orde tamén contempla a posibilidade de realizar pagamentos anticipados de ata o 80% da axuda. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes e os criterios de valoración serán a coherencia xeral do proxecto, a súa viabilidade e sustentabilidade, a innovación e o emprego da lingua galega.