Luns 09 de Decembro de 2019

150 asistentes participan no Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella celebrado en Ordes


A concelleira de Servizos Sociais, Susana García, resaltou a importancia de voluntarios e voluntarios e ofreceu toda a colaboración posible por parte do Concello para levar a cabo proxectos e iniciativas de índole social
Arredor de 150 persoas están a participar no día de hoxe no Encontro Provincial de Voluntariado de Cruz Vermella da Coruña, iniciativa levada a cabo en colaboración co Concello de Ordes. Trátase de voluntarios e voluntarias de distintos puntos da provincia os cales desenvolverán diversas actividades que pasan por encontros nos que compartir experiencias e dinámicas de traballo, mesas redondas e diferentes tipos de actividades lúdicas e de participación.

Dando a benvida estiveron Manuel Viqueira, presidente de Cruz Vermella Ordes, quen convidou aos asistentes a visitar o Museo do Traxe e os murais urbanos espallados pola vila. Pola súa banda Susana García Gómez, concelleira de Educación, Benestar Social e Traballo do Concello de Ordes, insistiu unha vez máis na importancia e no soporte que o voluntariado supón para Cruz Vermella. Tamén ofreceu toda a súa colaboración dende o Concello de Ordes para levar a cabo iniciativas de índole social. Mercedes Casanova, presidenta provincial de Cruz Vermella; e Cecilia Vázquez, directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, foron outras das poñentes que abriron o acto.