Luns 16 de Xullo de 2018

A Xunta concede axudas por importe de máis de 240.000 euros a proxectos de mellora de infraestruturas nos concellos da contorna da Coruña e Betanzos


Son beneficiarios destas axudas os municipios de Aranga, Betanzos, Cambre, Coirós, Curtis, Sobrado, Oza-Cesuras, Paderne e Sada

A Xunta de Galicia vén de publicar recentemente a resolución das axudas para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais que, no caso das contornas da Coruña e Betanzos, suporá un investimento de máis de 240.000 euros e beneficiará a nove concellos.

O Concello de Aranga é un dos municipios incluídos nesta convocatoria, na que recibirá 40.000 euros para a mellora e acondicionamento de vías municipais, proxecto similar ao que acometerá o Concello de Betanzos cunha axuda de 14.521,16 euros para a pavimentación dun camiño en Abelares.

O Concello de Cambre, pola súa banda, presentou un proxecto para a mellora de pavimento das rúas Ramón Cabanillas e Eduardo Pondal, cun orzamento total de 43.050,82 euros e que contará cunha achega da Xunta de 34.440,66 euros. No caso de Coirós a axuda concedida é de 26.413,77 euros, que serán destinados á mellora da rede de alumado público en Fontelo. En Paderne, e segundo o proxecto presentado polo Concello, mellorarase a eficiencia enerxética do alumado público no lugar de Chantada, na parroquia de Souto, cunha achega da Xunta de 23.588,19 euros; mentres que en Sada a obra a realizar pasa pola delimitación de dúas dependencias e instalación de estanterías no arquivo do edificio administrativo da avenida da Mariña, actuación que recibirá unha axuda de 20.639,66 euros.

O Concello de Oza-Cesuras investirá a axuda da Xunta, dun total de 40.000 euros, na posta en marcha da primeira de instalación de redes de alumado público.

Finalmente, nesta zona presentouse tamén un proxecto compartido por dous concellos, Curtis e Sobrado, que recibirán 41.278,56 euros para o acondicionamento de vías municipais nos lugares de Castro e Adamonde.

Máis de 5 millóns de euros para 172 proxectos
A través desta orde, o goberno galego destina un total de 5.328.881 euros para 172 proxectos subvencionados, que teñen como destino a creación e/ou mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, entre os que se atopan proxectos para instalación, ampliación ou mellora das redes de alumeado público; pavimentación de vías públicas municipais; construción, mellora ampliación ou rehabilitación de espazos públicos, coma prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís; construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos básicos e/ou dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias; e construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de instalacións deportivas de uso público e/ou dotación de equipamentos das referidas instalacións.

A Xunta continúa a desenvolver medidas para potenciar e apoiar a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional, co obxectivo último de garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio, de tal xeito que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia.

Para a execución destes proxectos cóntase co cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), a través dos fondos incluídos no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020. As axudas económicas concedidas financian o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais de concellos e 50.000 euros para as solicitudes formuladas conxuntamente por varios concellos e para as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal constituída nos últimos 5 anos.

Neste sentido, consolídanse as medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns en condicións de calidade que satisfagan as súas necesidades, sendo preciso minimizar custes e xestionar de forma compartida as actuacións públicas. Polo tanto, incentívanse tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal voluntariamente concertados, entendidos como un sistema de reorganización que fai posible o aforro dos custos e asemade unha xestión máis eficaz.