Mércores 08 de Xullo de 2020

San Sadurniño adxudica o contrato do mantemento eléctrico en 41.500 euros anuais


A mesa de contratación creada para o proceso de adxudicación do contrato de mantemento eléctrico de todas as instalacións municipais, incluídos os alumeados públicos, resolveu hai uns días que a empresa de Pontedeume Electricidad Permuy S.L. se faga cargo deste servizo por un importe anual de 41.595 euros (ive incluído). O procedemento tiña un prezo de saída para dous anos de algo máis de 105.000 euros -87.360 sen o ive- e a empresa obtivo a maior puntuación tras sumar as valoracións da proposta técnica e económica, impoñéndose deste xeito ás outras 6 candidatas que chegaron ao final do proceso. Toda a información está dispoñible no Perfil de Contratante do Concello.

O procedemento de adxudicación seguiu a denominada “multiplicidade de criterios”, é dicir, non só contou a rebaixa sobre o prezo de licitación, senón tamén as melloras propostas sobre as condicións esixidas nos pregos. Así, algúns aspectos que puntuados foron a adopción de medidas conducentes a unha maior eficiencia enerxética nos alumeados ou nas instalacións de titulariedade municipal, a redución de prezos unitarios ou o programa que recolla as revisións e calendarios de mantemento preventivo.

Así, Electricidad Permuy S.L. obtivo un total de 36,86 puntos na oferta económica -a cuarto prezo máis baixo- aos que cumpriu sumarlles outros 5,51 referidos á rebaixa de prezos unitarios proposta pola empresa. No tocante ás referenzas técnicas, a firma de Campolongo obtivo unha valoración de 46,24 puntos segundo o criterio técnico das persoas asesoras da mesa: a arquitecta municipal, un técnico do Concello de Oleiros e outro en representación da fundación FAEPAC, especializada en asesoramento enerxético. Unha puntuación que superou amplamente ás das outras licitadoras. De feito, a seguinte maior asignación situouse en 28,77 puntos e a terceira en 22,86. Desta maneira, Permuy chegou ao final do procedemento cun total de 88,61 puntos, seguida de Maelpyc con 74,40, de Proymel Montajes S.L. con 64,25 e, xa a maior distancia en canto a puntuacións, polas restantes empresas.

A firma especializada en electricidade comezará o día primeiro a traballar en San Sadurniño. O contrato terá unha vixencia inicial de dous anos que poderán ampliarse por acordo de ambas partes por outros dous máis.

Xestión da cantina da piscina municipal
Por outra banda, o Concello tamén mantivo aberta nos últimos días a convocatoria para optar á xestión da cantina da piscina municipal durante este verán. O prazo para presentar proposicións finalizou o pasado venres e, segundo consta nas oficinas municipais, só se achegaron dúas solicitudes que se resolverán nos próximos días. O que si se resolveu foi a adxudicación do contrato menor dos servizos da propia piscina, é dicir, a apertura e peche da instalación, o mantemento do vaso, o socorrismo e a impartición de cursos. A empresa adxudicataria resultou ser SEDEGA.