Sábado 31 de Outubro de 2020

Alumnos do colexio Galaxia amosan na casa da xuventude a súa visión sobre Cervantes


Alumnos de 1º, 2º e 3º de ESO do colexio Galaxia veñen de celebrar a posta de longo dunha nova exposición na veciña Casa da Xuventude de Riveira. O seu nome, “Proxecto Cervantes 1.6”, que nace como conmemoración do cuarto centenario do pasamento este escritor universal.

A mostra, que está incluída na programación do Xuño da Cultura e as Artes, é o froito do traballo desenvolvido por este alumnado no transcurso das materias de lingua e literatura, música, sociais, inglés, cidadanía e ciencia, abordando dende diferentes perspectivas un maior afondamento na importancia do autor.

Cinco das mestras participantes neste proxecto colaborativo estiveron presentes no acto de apertura desta mañá, ao igual que a concelleira de Cultura, Fabiola García, quen ademais de felicitalos por tan impresionante esforzo recordou que outras institucións no municipio están volcadas na conmemoración deste cuarto centenario, como o Museo do Gravado de Artes, que vén de estrear o pasado venres outra exposición sobre o autor do Quixote.