Martes 02 de Marzo de 2021

A nova tempada de ‘Galicia a todo tren’ realiza a primeira viaxe pola ruta do viño de Valdeorras-Ribeira Sacra


Esta edición dispón nove itinerarios ao sumar dous novos: o ‘Termal e do Camiño do Norte a Santiago’ e o da ‘Lamprea e o viño do Condado’

Partiu de Ourense a primeira viaxe do tren do Viño de Valdeorras – Ribeira Sacra, un dos nove itinerarios temáticos que este verano percorrerán Galicia no marco da cuarta edición do programa de trens turísticos «Galicia a todo tren”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, RENFE e Deputación de Ourense a través do INORDE. Os viaxeiros tamén podían percorrer hoxe a Ruta dos Faros, posta en marcha a fin de semana pasada xunto coa que percorre a Ribeira Sacra.

Nesta nova edición increméntase a oferta global en 84 novas prazas grazas aos bos resultados obtidos na edición anterior, na que se obtivo unha ocupación do 87%, superando os 2.200 pasaxeiros, fronte aos 600 da primeira edición, e cun incremento de cinco puntos porcentuais con relación a 2014.

Este verán tamén se poñen en marcha dúas novas rutas dos trens turísticos: a “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”. Polo tanto, en distintas datas entre xuño e outubro de 2016, un total de nove trens turísticos percorrerán outras tantas rutas temáticas.

A oferta deste programa compleméntase, un ano máis, co “Tren do Peregrino”, o “Tren dos Balnearios” e o “Galicia Rail Pass”, a través dos cales se pode, respectivamente, vivir a experiencia do Camiño de Santiago, gozar do termalismo galego ou desprazarse en tren por toda Galicia para coñecer os seus múltiples recursos.

Ademais, este ano Santiago recibirá a visita do tren de luxo máis amplo e espazoso do mundo, o Al-Andalus. Será a primeira vez na historia que este convoi viaxe entre Madrid, a comunidade autónoma española de onde procederon máis peregrinos en 2015, e Santiago de Compostela, meta xacobea. O tren realizará unha viaxe en xullo e outra en agosto, marcando un fito histórico de gran importancia para a Comunidade e para o Camiño de Santiago.

Ruta do Viño de Valdeorras – Ribeira Sacra
A Ruta do Viño de Valdeorras – Ribeira Sacra ten o seu punto de saída na estación de Ourense e percorre os territorios de dúas denominacións de orixe, a da Valdeorras e a da Ribeira Sacra, co río Sil como nexo común. Inclúe un cruceiro en catamarán pola Ribeira Sacra e visitas ao Santuario das Ermidas, á Estación e á Aula do Ferrocarril dos Peares e á adega A Coroa, unha das pioneiras na elaboración da uva godello e mencía como monovarietais.

Rutas dos Faros e da Ribeira Sacra
Hoxe os viaxeiros tamén podían realizar a Ruta dos Faros, que realizou a primeira viaxe desta tempada a fin de semana pasada. Este percorrido parte de Ferrol e avanza polos lugares máis destacados da costa norte galega. O convoi descubre lugares máxicos como Cabo Ortegal, o mirador de Vixía Herbeira, o santuario de Santo André de Teixido, o Cabo de Estaca de Bares ou a Praia das Catedrais. Pódese escoller iniciar a ruta en autobús dende A Coruña, incluíndo despois o regreso, e visitando o exterior da Torre de Hércules, o faro romano máis antigo en funcionamento e declarado Patrimonio da Humanidade.

A pasada fin de semana tamén se realizou a primeira viaxe do tren da Ruta do Viño da Ribeira Sacra, que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Neste caso, o tren turístico Aba Sacra parte da estación de tren de Ourense para realizar un percorrido turístico que inclúe unha visita á adega Regina Viarum, ao Centro de Interpretación do Viño en Monforte de Lemos, un paseo en catamarán polo río Sil e a visita tanto ao Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil como á Aula do Ferrocarril dos Peares.

Detalle das novas rutas
Os dous novos itinerarios que se ofrecen este ano son as rutas “Termal e do Camiño do Norte a Santiago” e a da “Lamprea e o viño do Condado”, que se unen ás sete existentes: a dos Faros, entre Ferrol e Ribadeo; a dos Pazos e Xardíns Históricos, entre Santiago e Vigo; e as cinco Rutas do Viño que percorren as zonas das Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras, territorios nos que se producen os viños galegos con denominación de orixe.

O “Tren termal e do Camiño do Norte a Santiago” circulará entre A Coruña e Lugo os días 1 e 22 de outubro e amosará a riqueza termal galega, como a do balneario de Guitiriz, o Camiño do Norte, declarado Patrimonio da Humanidade en 2015, e a cidade de Lugo.

O “Tren da Ruta da Lamprea e o Viño do Condado” terá saída dende Santiago de Compostela os días 2 de xullo e 17 de setembro e achegará aos visitantes ás beiras do río Miño, dando a coñecer un patrimonio etnográfico centrado na lamprea. Este percorrido tamén ofrece, por exemplo, visitar o Pazo de Lourizán e os seus xardíns, que conteñen unha mostra da botánica forestal de extraordinario relevo en Galicia, e unha pausa para comer en Pontevedra e visitar a cidade. Ademais, o percorrido inclúe a visita a unha bodega da denominación de orixe Rías Baixas.

Cada unha das nove rutas pódese realizar nun día e, ademais da viaxe en tren, ofrecen desprazamentos en autobús de ida e volta entre a estación de ferrocarril e o recurso turístico a visitar, xunto con actividades complementarias como rutas en catamarán e acceso e visitas guiadas especializadas a xardíns, adegas ou museos.