Luns 09 de Decembro de 2019

O Concello de Touro pon en marcha o Departamento de Animación Sociocultural


O Concello de Touro pon en marcha o Departamento de Animación Sociocultural, subvencionado pola Deputación Provincial da Coruña e dirixido pola técnica Cristina Andújar Garrido. O novo departamento, destinado a toda a poboación de Touro, pretende ser unha porta aberta ao desenvolvemento de novas formas de participación e dinamización social, formando para iso axentes activos creadores de novos modelos de relacións socioculturais.
O novo Departamento de Animación Sociocultural do Concello de Touro encargarase de programar actividades dirixidas a todos os sectores da poboación durante todo o ano. Por unha banda manterá as que xa están en marcha e tamén poñerá outras novas en funcionamento como a animación á lectura, cine-fórum, teatro, asociacións xuvenís, bibliopiscina, exposición de fotos antigas, reforzo educativo e intercambios xeneracionais, entre outras. O obxectivo é promover a participación activa das persoas e dos grupos destinatarios.
Este departamento pon en marcha nestes días a Bibliopiscina, que ten lugar todos os mércores do mes de xullo. É unha actividade de animación á lectura e entretemento destinada aos máis pequenos e que ten lugar na Piscina Municipal de 16.30 a 18.00 horas. Os nenos e nenas interesados en apuntarse poden chamar aos seguintes teléfonos: 981.814566 e 981.504029.