Mércores 12 de Decembro de 2018

Máis de 500 veciños e veciñas participaron na festa do Día do Neno de Frades, con inchables, tren turístico, xogos, maxia e festa da escuma


Máis de cincocentos veciños e veciñas participaron do Día do Neno, organizado polo Concello de Frades e que tivo lugar na piscina municipal de Papucín na tarde deste sábado. O tempo acompañou durante toda a tarde, o que animou a moitas familias a achegárense ata a piscina municipal.

A forte calor fixo que os inchables acuáticos e, en xeral, a piscina fose a actividade máis demandanda. Incluso houbo momentos nos que había tantos adultos como nenos na piscina, mesmo entablándose unha gran “batalla” de balón prisionero entre nenos e adultos. Co paso do tempo tamén foron gañando en usuarios os inchables en terra e os divertidos xogos populares de “Obradoiro de xogos”, dispostos a carón da cafetería da piscina e á sombra, polo que foron un refuxio tanto para os pequenos coma para maiores.

Os máis pequenos disfrutaban por último ano da piscina portátil para bebés, xa que o Concello de Frades ten previsto iniciar as obras de construción da nova piscina de chapoteo no mes de setembro, unha vez rematada a temporada estival. Outra das atraccións que segue a ser das máis demandadas é o tren turístico, que non deixou de dar voltas polo municipio cheo de veciños e veciñas en ningún momento.

Actuación e bocata

Ás 18:00 horas, o mago Dani representou o seu premiado espectáculo “Don Gelati”, unha divertida combinación de humor e maxia na que tomaron parte moitos dos nenos e nenas presentes. Ao rematar a actuación, todos repuxeron forzas grazas ao obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata”, unha iniciativa da Xunta de Galicia na que os rapaces coñeceron as vantaxes das conservas do mar e tiveron a oportunidade de elixir os ingredientes para faceren os seus bocatas totalmente de balde. O Concello de Frades puxo as augas frescas. A festa pechouse coa tradicional Festa da Escuma.