Luns 09 de Decembro de 2019

A parroquia ordense de Leira acollerá o XXIV Encontro de Grupos de Danzas Rexionais o vindeiro domingo


Participarán un total de seis formacións das provincias da Coruña e Pontevedra. O programa inclúe tamén unha comida campestre

O próximo domingo, 17 de xullo, o campo da festa da parroquia de Leira acollerá o XXIV Encontro de Grupos de Danzas Rexionais. Unha cita organizada polo Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira en colaboración co Concello de Ordes. O programa arrancará ao mediodía cunha comida campestre para dar paso ás 18 horas ao comezo do festival.

Ademais do Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira o cartel de participantes estará formado polo Grupo de Baile e Música Tradicional Os Rueriños (Oleiros), Grupo Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre (Oroso), Grupo Folclórico Fibulas (Pontevedra), Grupo de Danzas Pena Xuntanza (Pontevedra) e Pinga de Troula. Gaita, Pandeireta e Canto.

Unha vez rematadas as actuacións, arredor das 20 horas, a organización invitará aos integrantes dos grupos e aos seus acompañantes a unha merenda con bebidas e petiscos.