Domingo 15 de Decembro de 2019

San Sadurniño suscribe a Carta de Consumo Responsable e Solidario


A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) ten entre os seus obxectivos a potenciación do uso do galego en toda a cadea de produción alimentaria do país -principalmente na etiquetaxe e na publicidade- buscando a complicidade das persoas consumidoras. Unha complicidade que vai máis aló da adquisición dun produto determinado, xa que tamén significa contribuír á pervivencia da cultura e do tecido produtivo galego. Neste sentido, a IRGADE e a Fundación Enrique Peinador impulsaron a Carta de Consumo Responsable e Solidario, que foi suscrita este pasado sábado en Santiago pola Xunta, a FEGAMP e varios municipios, entre eles o de San Sadurniño.

A carta establece, en primeiro lugar, que temos «un deber responsable» á hora de decidir por que produtos optamos, coa conciencia de que os produtos galegos «contribúen ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país». Porén, o IRGADE e a Fundación Enrique Peinador tamén sinalan «un deber solidario» con aquelas persoas emprendedoras «que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma na súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios».

A carta asinada este sábado destaca a «aposta decidida» do sector agroalimentario galego «polo aproveitamento sostible dos recursos naturais e pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat», que segundo reflicte o documento, «permiten dar aos nosos produtos e ás nosas elaboracións unha personalidade propia, ligada ao noso clima e territorio, polo tanto inimitable». Uns valores aos que moitas iniciativas empresariais -explotacións e empresas transformadoras- lle engadiron a lingua como «garantía de orixe e singulariedade».

O contido da carta, que se presentou nun acto solemne celebrado no Hostal dos Reis Católicos, apela á responsabilidade e solidariedade do consumo para cos produtos feitos aquí e en galego. «Cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostible e que xeran riqueza, valor engadido e emprego de proximidade ao tempo que axudan a manter viva unha cultura, unha lingua e unha forma de ser».

O texto apunta a «un deber responsable» á hora de decidir por que produtos optamos, «coa conciencia de que os produtos galegos contribúen ao noso desenvolvemento económico, permiten fixar poboación e garanten a pervivencia do noso país», ao tempo que expresa un «deber solidario» con aquelas persoas emprendedoras «que deron o paso arriscado» de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, «colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios».

O responsable de Desenvolvemento Local, Manolo Varela -que acudiu ao acto de sinatura-, manifestou que o contido da Carta de Consumo Responsable e Solidario «vai na mesma liña que as políticas a prol do desenvolvemento rural que se están desenvolvemendo en San Sadurniño». O edil lembrou que o Concello está a colaborar con entidades agroalimentarias como a Asociación A Cortiña, a AGFA do Eume ou a AGA, «co obxectivo de darlle un novo pulo á produción agroalimentaria local baseado nos produtos de calidade e nunha comercialización de proximidade que aseguren a sostenibilidade ambiental e social».