Mércores 03 de Marzo de 2021

A Xunta ultima a posta en marcha da Fábrica de Tabacos coma nova sede xudicial na cidade da Coruña


O presidente da Xunta visitou as obras, xunto ao presidente do TSXG, Miguel Ángel Cádenas; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o presidente da Audiencia, José Luis Seoane; o alcalde, Xulio Ferreiro; así como representantes do ámbito xudicial da cidade da Coruña

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,acompañado do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprobou o estado de rehabilitación da antiga Fábrica de Tabacos coma futura sede xudicial, que se prevé que estea rematada no mes de outubro e poida ir recibindo servizos no mes de decembro, convertendo este histórico inmoble nun edificio xudicial modelo en toda Galicia e toda España.

Na visita ás obras, asistiron tamén o alcalde do concello, Xulio Ferreiro; o presidente do TSXG, Miguel Ángel Cádenas; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes; o presidente da Audiencia, José Luis Seoane, así como representantes do ámbito xudicial da cidade da Coruña e responsables da dirección de obra e da empresa que está a levar a cabo as obras deste emblemático edificio.

A nova sede xudicial albergará a Audiencia Provincial, a Fiscalía Provincial (incluída a fiscalía de menores), o Xulgado de menores, o Xulgado de vixilancia penitenciaria, as oficinas de la Secretaria provincial de coordinación, as oficinas Xunta Electoral Provincial, e a Mutualidad General de Funcionarios de Justicia, nun espazo de máis de 17.000 metros cadrados, que albergarán case 200 traballadores da Administración de Xustiza, e que permitirán incrementar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais actuais, resolvendo os problemas de espazo para os vindeiros vinte anos.

Esta obra conta cun importante investimento por parte do goberno galego, de máis de 16 millóns de euros, e que dotará á cidade da Coruña dun novo edificio xudicial sen parangón, consolidando as infraestruturas xudiciais da cidade e recuperando para uso de todos os coruñeses un inmoble senlleiro. Esta gran reforma permitirá dotar á Administración de Xustiza dunhas infraestruturas idóneas para os que nela traballan e para os milleiros de cidadáns que as utilizan cada día.

Esta actuación enmarcase no Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha pola Xunta e dotado con preto de 100 millóns de euros, o que permite levar a cabo actuacións fundamentais e moi necesarias nas grandes sedes xudiciais galegas. O Plan de Infraestruturas Xudiciais representa ademais unha aposta pola colaboración entre Administracións, xa que son os concellos os que poñen á disposición da Administración de xustiza os terreos ou edificios e a Xunta a que se encarga de construír as infraestruturas.