Luns 16 de Xullo de 2018

Medio Ambiente e o concello de Curtis destinan máis de 240.000 euros á reforma da “Praza de España en Teixeiro”


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou hoxe un convenio neste sentido co alcalde da localidade, Javier Francisco Caínzos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Curtis destinarán un orzamento total de 242.000 euros ás obras de reforma da Praza de España en Teixeiro. Así se establece no convenio de colaboración asinado pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos.

Neste acordo, que xa conta co visto bo do Consello da Xunta, a achega da Consellería ascenderá a uns 200.000 euros e o Concello de Curtis financiará o importe restante, 42.000 euros.

En concreto, as actuacións para a reforma da Praza de España consistirán nunha pavimentación de 2.390 metros cadrados de superficie e na reubicación de elementos escultóricos xa existentes. Ao mesmo tempo, acondicionaranse as especies arbóreas e instalarase mobiliario urbano.

Con este acordo preténdese humanizar este espazo urbano, construíndo un espazo seguro e mellorando a calidade de vidas dos veciños e veciñas do concello de Curtis.

Plan Hurbe
Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.