Luns 25 de Setembro de 2017

Investimento de 1,2 millóns de euros para ampliar e dotar de rede de saneamento á estrada de Xuvia á Frouxeira


 

A calzada contará con dous carrís de 3,50 metros de ancho e dous beiravías de 2 metros

Tal e como asegurou o presidente da Deputación hai apenas dúas semanas, a institución provincial asumirá as obras da inclusión da rede de saneamento no proxecto de ampliación da estrada DP.5404 entre Xuvia e A Frouxeira. De feito, o pleno aprobará mañá mesmo o texto do convenio que se firmará co Concello de Narón para a mellora do trazado desta estrada e tamén para adaptar o proxecto redactado pola institución provincial ás obras da rede de saneamento. Así, dáse resposta a unha vella demanda veciñal xa que na contorna da estrada existen 80 vivendas que se beneficiarán da actuación.

Unha vez firmado o convenio, que supón un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, as obras poderán comezar en canto a Deputación, que asume tamén o custe das expropiacións, dispoña dos terreos necesarios. A contratación, pola súa banda, realizarase mediante procedemento aberto e de forma conxunta os dos traballos a fin de que a súa execución se realice de xeito coordinado e así optimizar custes e simplificar e reducir tempos de execución.

A actuación prevista pasa pola ampliación do trazado da DP.5404 entre o quilómetro 3,500 e o 6,500 ata sumar dous carrís de 3,50 metros de ancho e dous beiravías de dous metros de ancho. Así, a estrada provincial será máis segura, cunha circulación fluída e confortable para os usuarios.

O importe de ambas actuacións suma 1.249.968,01 euros, o resultado da suma dos 680.971,97 euros do proxecto de ampliación e mellora do trazado da estrada, máis os 568.996,04 que custará a súa adaptación para a inclusión da rede de saneamento.