Sábado 14 de Decembro de 2019

Chefs xaponeses dun prestixioso restaurante de Kioto acuden a Barbanza interesados polos productos da Ría


Por invitación do arquitecto británico David Chipperfield

Santa Uxía de Riveira, 2 de agosto de 2016.- Once persoas de nacionalidade xaponesa entres as que que se contan a propietaria dun prestixiosísimo restaurante de alta cociña denominado Kyoto Wakuden, Yuku San, e seis dos seus chefs, estiveron de visita na nosa comarca a invitación do célebre arquitecto británico David Chipperfield. O seu obxectivo, coñecer a nosa cultura gastronómica local e as técnicas de produción dalgúns dos produtos máis característicos da ría de Arousa e a outras localidades da contorna.

Así, tiveron ocasión de participar na recollida de pementos en Padrón (grazas á colaboración da SAT A Pementeira) ademais de asistir ao funcionamento da lonxa de Riveira, mentres que hoxe á mañá coñeceron de primeira man o proceso extractivo do percebe, a ameixa e a navalla en lugares como Sálvora, cabo Corrubedo ou a illa de Sagres grazas á colaboración da confraría de pescadores de Aguiño.

Subasta
Acto seguido desprazáronse á lonxa desta localidade para asistir en compañía do seu patrón maior, José Antonio Santamaría, á subasta matutina da navalla e a ameixa.

Non é a primeira viaxe destas características que realiza o staff do Wakuden Kyoto pois xa teñen emprendido en anos anteriores outras iniciativas similares (por exemplo á Toscana italiana) sempre co obxecto de coñecer outras culturas gastronómicas en busca de inspiración.

Afincados ao longo desta semana na localidade de Corrubedo, a expedición oriental terá mañá a oportunidade de visitar unha batea en Rianxo grazas á colaboración da confraría desta localidade, mentres que o xoves cruzarán á ría para asistir á recollida da ameixa en Carril (recibindo a colaboración do restaurante Loliña).