Mércores 11 de Decembro de 2019

O Concello adxudica a primeira fase da reurbanización da rúa Federico Tapia por 876.621 euros


 

As obras, cun prazo final de execución de 6 meses, inclúen o tramo entre as prazas Antonio Tenreiro e Galicia
O Concello da Coruña anuncia a adxudicación da primeira fase do proxecto de reurbanización da rúa Federico Tapia. O proxecto, que se sacou a concurso mediante procedemento aberto, supoñerá un investimento final de 876.621 euros, o que supón unha rebaixa do 18,8% (en 203.257 euros) con respecto ao presuposto de licitación.
Tras analizar as 14 propostas presentadas para a primeira fase da remodelación de rúa Federico Tapia, a execución das obras adxudicouse a Arias Irmáns Construcións por 876.621 euros e un prazo de execución máximo de medio ano, dous meses menos dos fixados no expediente de licitación.
A reforma da rúa Federico Tapia é un novo proxecto que impulsa a Concellaría de Infraestruturas dentro do plan municipal de modernización de espazos públicos e que ten, entre os seus principais obxectivos, a mellora da accesibilidade e a revitalización da actividade económica e comercial da zona. A primeira fase desta actuación, que alcanza os 5.150 metros cadrados, acometerase por tramos: entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo, por un lado, e entre as prazas de Vigo e de Galicia, polo outro.
O obxectivo é empezar as obras no tramo entre a praza Antonio Tenreiro e a praza de Vigo e, a continuación, ao concluír estes traballos, empezarase o tramo entre as prazas de Vigo e de Galicia. Durante a campaña do Nadal pararanse as obras dentro do espírito do actual equipo de goberno de compaxinar os traballos coa actividade diaria dos cidadáns. Esta nova actuación pretende favorecer a mobilidade na zona, así como renovar o pavimento, mellorar a rede de rede de sumidoiros e os puntos de iluminación pública co obxectivo final de revitalizar unha das vías principais da zona urbana e que une os barrios de Catro Camiños, A Falperra e o Ensanche co centro da cidade.

SEGUNDA FASE
Este proxecto de urbanización de Federico Tapia conta cunha segunda fase para a que
xa se convocou un concurso de ideas que inclúe a reurbanización da praza Antonio Tenreiro -un dos fundadores do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-, unha superficie que rolda os 3.340 metros cadrados. Como xa aconteceu noutros proxectos, como a reordenación do paseo marítimo, o Concello quere contar coa colaboración dos colexios profesionais para este concurso de ideas. Para executar esta segunda etapa do proxecto, o presuposto roldará os 700.000 euros.
O Goberno municipal contará no xurado do concurso de ideas coa colaboración dos colexios oficiais de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia. O Goberno municipal apostou pola convocatoria dun concurso de ideas para obter o maior número de propostas posibles e, ao mesmo tempo, ofrecer á canteira de técnicos de arquitectura, enxeñaría e urbanismo unha oportunidade de expresar e reflectir a súa creatividade.
En total, o Concello repartirá ata 12.000 euros en premios: 6.000 euros para a proposta gañadora, 3.000 euros para o segundo clasificado, e dous accésits de 1.500 euros cada un. O Goberno municipal, a través da área de Infraestructuras, tamén reserva presuposto no caso de que se decida que o responsable ou responsables da proposta gañadora se encarguen ademais da redacción e posterior dirección do proxecto final.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, inaugurou en 2012 a praza situado entre as rúas Juan Flórez e Federico Tapia en honor ao arquitecto Antonio Tenreiro, un dos fundadores do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) e asinou, entre outros proxectos, o edificio do Banco Pastor e a casa Barrié. O Concello cumpre así o seu compromiso de remodelar esta praza que, actualmente, non se percibe como tal xa que a superficie libre de vehículos e destinada a área de estanza se limita a unha pequena zona central de forma triangular. Ademais, esta parte central encóntrase atravesada por unha senda que divide a superficie en dous xardíns con mobiliario urbano e de servizos e un espazo axardinado de escasa calidade.
Infraestructuras quere recuperar esta praza e conceder o máximo protagonismo ao peón, mellorando a súa mobilidade. O concurso de ideas para a remodelación da praza Antonio Tenreiro forma parte da segunda fase do proxecto de renovación de Federico Tapia, polo que nas propostas se poden incluír tamén solucións para conectar esta praza co tramo final de Federico Tapia (polo que a superficie final sobre a que se actúa alcanza os 4.185 metros cadrados) e a súa comunicación con Juan Flórez e rúas adxacentes, tendo en conta outros proxectos municipais, como a reurbanización da rúa Emilia Pardo Bazán e a instalación de escaleiras mecánicas en Mestre Clavé.