Martes 19 de Xuño de 2018

A quinta edición de Artemar Riveira amplía os seus puntos de interese por toda a cidade


A CITA CONTARÁ CON NOVAS ACTIVIDADES NO AUDITORIO, PORTA DO SOL, GARCÍA BAYÓN, PABLO NERUDA, UXÍO NOVONEYRA OU ABESADAS
A quinta edición de Artemar regresa á cidade de Riveira esta semana entre os 18 e o 21 de agosto e o fará con máis puntos de interese que en ningunha outra das edicións anteriores. Foi presentada pola primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Fabiola García, e por Daniel Castaños en representación da empresa Iacobus, que se encarga do apartado de postos de artesanía.

Fabiola García lembrou que este evento naceu en 2007 como feira mariñeira, pero que non foi ata 2012 cando cobrou a denominación de Artemar ao estender os seus contidos a outros ámbitos da vida riveirense como a arte e a gastronomía.

Decoración exclusivamente mariñeira
Sobre a actual edición, salientou que estará máis enfocada que nunca aos riveirenses, como se poderá advertir xa na decoración das rúas: decoración que se limitará a motivos mariñeiros sen facer referencias a temáticas medievais ou piratas. Dita decoración estenderase, ademais de polas rúas que xa estaban sendo adornadas en outras convocatorias, por outras vías como Rosalía de Castro e Mariño de Rivera.

Ademais, Fabiola García citou unha serie de localizacións principais que servirán de epicentro festivo de Artemar:

• O Auditorio de Riveira, que dará cabida a unha exposición de modelismo náutico que será inaugurada o xoves ás 12.30 horas e que contará con 80 maquetas. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración de Manuel Sampedr e aínda que gratuíta, poderán realizarse doazóns a beneficio da Asociación contra o Cancro.
• A praza do Concello, con stands de asociacións do concello como Aires de Dorna, Aires de Casa, Riveira Escríbese con V e o Centro Terceira Idade Santa Uxía, que será escenario de diversos sorteos e acollerá a tradicional queimada da noite do domingo, entre outras accións.
• A praza de España, que ademais de albergar por primeira vez un parque de inchables permanentes e a saída dun tren infantil, servirá de epicentro de grandes actuacións como as que ofrecerán o grupo local H2 Folk (xoves), Gallaecia Big Band (venres), DJ Manel (sábado) e Joao Alvim de Brasil (domingo). Así mesmo, dará cabida ao pregón inaugural por parte do Bruxo Queiman e Andrea Pousa cun innovador espectáculo (xoves ás 21.30 horas)
• A Carpa do Antigo Mercado, no que se desenvolverán as actividades gastronómicas de degustación e venda ligadas a Gustando do Mar, ademais de servir como centro para a exposición de artistas riveirenses.

Máis aló destes lugares, outros puntos da cidade acollerán diversas actividades, como o parque de inchables itinerante que pasará polas prazas Uxío Novoneyra e Pablo Neruda, ou os obradoiros de globoflexia, pintacaras e outros que, a iniciativa de Ice Renovacion, se celebrarán na porta do Sol, García Bayón e Abesadas.

No apartado dos concursos, tamén se destacou que ademais do concurso de escaparatismo (con 17 participantes) e o de decoración de establecementos hostaleiros (8) haberá unha nova proposta consistente na mellor tapa que está aberto á votación dos asistentes. Ademais a galería O Faiado colaborará cunha exposición de máis de 20 artistas.

110 postos de artesanía
En canto á parte estritamente artesanal e mariñeira, que como sempre se celebrará no Malecón, rúa Galicia, Santa Uxía e Manuel Lustres Rivas, Daniel Castaño destacou que dos 93 postos do ano pasado auméntase ata 110 e que ademais da venda propiamente dita celebraranse demostracións de orfebrería, moldeado de vidro, talla en madeira e outros, aumentando así o interese deste compoñente.