Martes 10 de Decembro de 2019

O Auditorio exhibe 70 maquetas de modelismo naval no marco de Artemar Riveira


Trátase dunha iniciativa en favor da asociación contra o cancro

Aínda que as portas de Artemar Riveira non serán abertas oficialmente ata o pregón inaugural de hoxe ás 21.30 horas, os veciños e visitantes xa poden acudir a unha das novas actividades enmarcadas na feira, como é a I Exposición de Modelismo Naval contra o Cancro que está sendo exhibida no andar alto do Auditorio Municipal dende hoxe a mañá ata o vindeiro domingo.

A concelleira de Cultura Fabiola García; a responsable local da AECC (Asociación Española contra o Cancro), María José Carreira; e o aguiñense Manuel Sampedro González como impulsor desta iniciativa, estiveron presentes no acto inaugural dun evento que conta coa participación de 14 modelistas orixinarios de localidades como Castiñeiras, A Pobra, Rianxo, Riveira ou A Coruña.

En total son 70 as maquetas que se exhiben de todo tipo de embarcacións, dende a época exipcia ata modernos petroleiros pasando por algúns buques tan emblemáticos para nós como o vapor Santa Isabel.

Aínda que a entrada é gratuíta, poderán entregarse donativos que irán destinados á AECC.

Ademais do propio Manuel Sampedro, os modelistas presentes son Juan Queiruga Romay, José Manuel García Armental, Miguel Abraldes Pérez, José Crujeiras Crujeiras, Arturo Torres Sieira, Agustín Seráns Sampedro, Ramón Martís Gude, Juan Antonio Varela Souto, José Carlos de Diego, Celedonio González Torres, Germán Lago González e MONABAR (Modelistas navales do Barbanza).