Domingo 25 de Outubro de 2020

O Concello de Brión amplía o acceso á aldea de Ombre, onde instalará unha rede de recollida de pluviais


As obras, que inclúen tamén o arranxo de varias pistas en Goiáns, Esparís e Adoufe, están sendo executadas pola brigada municipal cun investimento de 86.000 euros

A brigada municipal de obras do Concello de Brión executa as obras de ampliación do acceso á aldea de Ombre, na parroquia de Viceso. Trátase duns traballos incluídos no POS 2016, que están orzamentados en 86.388 euros e que estarán rematados a finais do próximo mes de setembro.

As obras que se están a acometer na aldea de Ombre son as máis importantes deste proxecto, que tamén inclúe a reparación e limpeza de pistas e de cuneta nas pistas de acceso ás aldeas de Goiáns (Cornanda), Lamiño ata Adoufe (Brión) e Vilar (Viceso). En todas elas aplicarase rego asfáltico.

Porén, as obras de mellora dos accesos a Ombre son as máis complicadas tecnicamente, xa que inclúen traballos de desmonte para ampliar o vial de acceso á aldea, que pasará de contar cun ancho de 2,5 metros a algo máis de 5 metros. De feito, os traballos que está a acometer estes días a brigada municipal de Brión consisten no desmonte do interior da aldea, que darán paso á instalación dunha rede de pluviais ata unha cuneta profunda e situada ao final da aldea, evitando así o deterioro que viña sufrindo este vial.